A Xunta de Voceiros aproba por unanimidade unha declaración institucional en defensa do lácteo, a proposta da Alcaldesa

Insta á Xunta e ó Goberno central a “tomar medidas que garantan a recollida do leite por parte da industria e a instauración autonómica da figura do mediador, así como medidas estruturais para a viabilidade do sector” 

Acordouse encargar a Cultura un informe sobre as orixes, funcións e historia do Cronista Oficial antes de continuar co proceso para nomealo, ante as dúbidas sobre a idoneidade desta figura mostradas por algúns grupos

A rexedora avanzou que as reunións co tecido asociativo para abordar o borrador da ordenanza da ORA e coñecer as súas propostas terán lugar nos dez primeiros días de setembro  

Luns, 31 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Voceiros celebrada a primeira hora deste luns aprobou por unanimidade unha declaración institucional en defensa do sector lácteo, a proposta da Alcaldesa, Lara Méndez, quen subliñou que, “máis alá de mocións e diferenzas políticas e, ante a manifestación convocada para o vindeiro xoves, demos un paso adiante, facendo un exercizo de responsabilidade das seis forzas políticas que formamos parte da Corporación”. A rexedora avanzou que o Goberno local sumarase á mobilización do xoves, no marco do “noso compromiso claro e decidido de priorizar o noso rural como eixo económico e forma de vida”, e tendo en conta que no municipio “existen 200 explotacións gandeiras que dan emprego 500 persoas e a moitas máis de forma indirecta”.

A declaración institucional aprobada pon de manifesto que os gandeiros de leite atravesan “a maior crise da súa historia” e que esta “non se amaña con esmolas”, senón que precisa “dunha solución sostible a longo prazo”. Tamén expresa o apoio do Concello ás mobilizacións do sector “que reclaman unha especial protección por parte das administracións por ter unha relación de desigualdade fronte á industria”, e insta á Xunta de Galicia e ao Goberno central a “tomar medidas que garantan a recollida do leite por parte da industria e a instauración autonómica da figura do mediador, así como a medidas estruturais para a viabilidade do sector”.

Cronista oficial

Por outra banda, a Xunta de Voceiros de hoxe acordou encargar un informe ao departamento municipal de Cultura sobre as orixes, funcións e historia da figura do Cronista Oficial de Lugo, así como dos cronistas existentes na provincia e no resto de Galicia, antes de continuar co proceso, ante “as dúbidas amosadas por algúns grupos municipais sobre a idoneidade de contar con esta figura institucional e a falta dunha postura clara a día de hoxe por parte doutros”, explicou a Alcaldesa.

O Goberno local defende a necesidade de nomear Cronista Oficial, tal e como subliñou a rexedora, como “unha figura institucional que poña en valor a historia, patrimonio e cultura tan importante de Lugo”, e tamén ten claro o proceso para a súa designación, que será “participativo e transparente”. Lara Méndez explicou aos voceiros o sistema, que consiste nunha primeira fase na que os cidadáns poderá facer propostas de nomes. De entre eles, “aos tres, catro ou cinco máis apoiados, preguntaráselles se queren ser Cronista Oficial. Unha vez obtido o consentimento dos candidatos, o nome sairá dunha votación popular aberta e pública”.

Representación en fundacións

Outra das cuestións abordadas na Xunta de Voceiros foi o nomeamento dos representantes municipais nos padroados das fundacións Feiras e Exposicións, Rof Codina e San Calixto. A Alcaldesa, como presidenta da Corporación, formará parte destes tres padroados e o resto de integrantes foron acordados polos propios grupos da oposición. Deste xeito, na Fundación Feiras e Congresos, ademais de Méndez, estará un representante do PP e outro do BNG; en Rof Codina, a Alcaldesa e representantes do PP e Lugonovo e de San Calixto, a rexedora, e representantes do PP, Ciudadanos e ACE.

Reunións ORA

Xa fóra dos asuntos abordados na Xunta de Voceiros, a Alcaldesa informou, a preguntas dos xornalistas, que nos primeiros dez días de setembro terán lugar as reunións co tecido asociativo para abordar a nova ordenanza de regulación do tráfico e coñecer as súas propostas.

Audio

  • Sobre a declaración institucional en defensa do lácteo|Descargar mp3

Noticias relacionadas