A Xunta de Goberno tramita o expediente para garantir a accesibilidade e comodidade dos aparcamentos subterráneos

Aprobado o inicio do procedemento de modificación do contrato que permitirá aumentar as dimensións das prazas

Adxudicado en 65.400€ ao ano o servizo de comidas aos usuarios do centro de día municipal Antonio Gandoy 

Mércores, 04 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Tal e como anunciou onte a Alcaldesa, Lara Méndez, a Xunta de Goberno aprobou este mércores a incoación do expediente de modificación do contrato de concesión dos aparcamentos subterráneos públicos, nas prazas de Santo Domingo, Ferrol e da Constitución, que permitirá a ampliación das prazas co fin de garantir a accesibilidade e maior comodidade dos usuarios.

Segundo lembrou a vicevoceira municipal, Carmen Basadre, este trámite implica dar audiencia durante un prazo de 15 días hábiles á empresa concesionaria –Interparking- para que presente as alegacións que estime oportunas, así como abrir un período de información pública durante 20 días hábiles mediante a publicación dun anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no taboleiro de anuncios municipal para que os posibles interesados formulen alegacións ou suxestións se así o consideran.

Unha vez resoltas as alegacións, de presentarse, e aprobada polo tanto de maneira definitiva a modificación do contrato de concesión, a empresa terá un prazo máximo de tres meses para facer efectiva a conversión de tres prazas en dúas. A estimación do Goberno pasa porque esta medida estea lista despois do verán.

As medidas das prazas adaptaranse ao establecido na normativa vixente, en concreto, ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Deste xeito, por regra xeral, pasarán dos actuais mínimos de 4,5 metros de lonxitude por 2,20 de anchura a, como fixa o PXOM, 5ms. de largo por 2,50 de ancho.

A ampliación das prazas dos aparcamentos públicos subterráneos enmárcase no modelo de cidade do Goberno, máis accesible, cómoda, humana e sostible, con máis espazos públicos para uso público e coa persoa no centro de toda acción política, ao que tamén responden outras medidas, como o acondicionamento de aparcamentos disuasorios, as zonas 30, a peonalización de Quiroga Ballesteros e o entorno da praza da Milagrosa, a humanización de Duquesa de Lugo ou a mellora da comunicación da cidade co río con proxectos como a pasarela peonil ao Miño e a ampliación do paso subterráneo baixo a N-VI.

Por outra banda, tal e como informou Carmen Basadre, a Xunta de Goberno aprobou hoxe a adxudicación do servizo de comidas ás persoas usuarias do centro de día Antonio Gandoy á empresa Calidus Catering Services SL por un importe anual de 65.400€. O período do contrato é de dous anos, prorrogables por outros dous.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre os aparcamentos subterráneos | Descargar mp3
  • Carmen Basadre, sobre o centro de día Antonio Gandoy | Descargar mp3

Noticias relacionadas