A Xunta de Goberno nomea a Ana Sáez directora xeral de Recursos Humanos para reorganizar e reestructurar o persoal

Licenciada en Dereito e cunha ampla traxectoria profesional de 35 anos, fóra e dentro do Concello, os primeiros cometidos serán a funcionarización, a nova RPT, as ofertas de emprego públicas e a implantación do control horario

Mércores, 20 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Xunta de Goberno nomea a Ana Sáez directora xeral de Recursos Humanos para reorganizar e reestructurar o persoal

A Xunta de Goberno aprobou este mércores o nomeamento como directora xeral de Recursos Humanos da funcionaria municipal Ana Sáez Mancebo, segundo informou o voceiro do Executivo, Miguel Fernández, quen subliñou que a creación desta figura, aprobada en Pleno en xuño, ten como obxectivo “gañar eficacia e eficiencia na xestión do persoal, o que repercutirá na mellora da prestación dos servizos aos cidadáns”. “É fundamental e urxente a reorganización e reestructuración dos recursos humanos, polo que plantexamos este posto, que colaborará coa Concellería de Desenvolvemento Sostible e Persoal e co propio servizo de Persoal, que ata agora asumen unha inxente cantidade de traballo”. As funcións da directora xeral aparecen recollidas no artigo 56 do Regulamento Orgánico Municipal do Goberno e Administración (ROMGA) do Concello de Lugo.

O nomeamento de Sáez farase efectivo o 1 de agosto e como primeiros cometidos fundamentais, asegurou o voceiro municipal, figuran redimensionar a plantilla; axilizar a nova  RPT; o proceso de funcionarización; as ofertas de emprego públicas de 2015 (a convocatoria das prazas, pois a oferta xa está aprobada) e a de 2016; e a implantación do sistema de control horario.

35 anos de traxectoria
Licenciada en Dereito pola Universidade Autónoma de Madrid e máster en Técnico Urbanista polo Instituto Nacional de Administración Pública, Ana Sáez Mancebo (Madrid, 1957) conta cunha extensa e solvente traxectoria profesional, de 35 anos, tanto fóra como dentro do Concello, onde é empregada pública dende hai 26 anos. Comezou en Contratación no ano 1990, servizo do que asumiu a xefatura dous anos despois, no 92, e ata o ano 2007, cando se incorpora á Asesoría Xurídica, departamento no que traballa a día de hoxe como xefa.

Ana Sáez, que ten impartido formación sobre procedemento administrativo local e de contratación, recoñece a súa paixón pola práctica e o estudo xurídico. Afronta este novo reto na Dirección Xeral de Recursos Humanos con moita ilusión, responsabilidade e con “gañas de ofrecer o mellor de min mesma nesta última etapa da miña vida laboral”.

Execución subsidiaria en A Tolda
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación por importe de 59.000 euros á empresa Copcisa das obras de demolición e reposición ao estado inicial dunhas actuacións realizadas sen licencia municipal en Tolda de Castela, en cumprimento dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, uns traballos que o Concello acomete de forma subsidiaria. O prazo de execución é de dous meses.

Audio

Noticias relacionadas