A Xunta de Goberno Local celebra a primeira reunión trala reestruturación do Equipo de Goberno

Prorrogado o contrato de vixilancia no Fogar do Transeúnte ata a adxudicación do novo contrato que se demorou pola información incorrecta proporcionada ó Concello, que denunciu os feitos no Consello da Competencia

Unha ducia de empresas optan a construir o ascensor do Sagrado Corazón, que ten un presuposto de licitación de case 224.000 euros

Mércores, 04 de febreiro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, informou de que a Xunta de Goberno Local tomou coñecemento hoxe do decreto sobre a nova organización municipal, que supón a creación da nova área de Desenvolvemento Local, da que se fai cargo Rosana Rielo e que xestionará os Obradoiros de Emprego, a Axencia de Desenvolvemento Local e os Orzamentos participativos. Asimesmo, deuse conta da modificación no réxime de suplencias dos membros da Xunta de Goberno Local.
 
Luis Álvarez tamén deu conta da aprobación da prórroga do contrato do servizo de vixilancia no Fogar do Transeúnte por un prazo máximo de seis meses e cun importe de 52.291 euros, ive incluído. Esta prórroga prodúcese ata a adxudicación do novo contrato administrativo, que está pendente dado que, como se sabe, o Concello detectou presuntas irregularidades nos datos facilitados pola anterior adxudicataria sobre o importe dos salarios dos traballadores, o que provocaría menos competencia ó desanimar a outras empresas a presentar ofertas.
 
Álvarez lembrou que unha vez detectado esa presunta irregularidade, o Concello desistiu do procedemento de adxudicación e convocouno de novo, ademais de dar parte ó Consello Galego da Competencia que recentemente abriu un expedente de investigación a esa empresa.
 
Para o Voceiro do Goberno local queda demostrado con feitos que no Concello de Lugo funcionan os mecanismos de control das contratacións, pese a que algún partido político as poña continuamente em cuestión. 
 
Por outra parte a Xunta de Goberno Local acordou conceder á empresa Serega de Lugo S.L. a autorización especial de dominio público para a instalación de máquinas automáticas ó presentar a oferta máis ventaxosa das recibidas. Concretamente, esta empresa ofreceu un canon anual de 11.939 euros ademais dunha mellora consistente no ofrecemento dun recipiente reutilizable a todo o persoal que traballe en dependencias onde se instalen as máquinas. 
 
Aprobvouse tamén a prórroga ata o 31 de decembro do contrato correspondente á prestación do servizo de cociña na Escola Infantil Gregorio Sanz, por un importe de 48.122 euros, ive incluído.
 
Ascensor do Sagrado Corazón
 
O Voceiro do Goberno local tamén deu conta de que este mércores reuniuse a Mesa de Contratación para abrir as propostas presentadas polas empresas que aspiran a  construir o ascensor do Sagrado Corazón, unha obra que suporá unha mellora decisiva na accesibilidade deste barrio e que saiu a contratación cun presuposto de licitación de 223.731,48 euros, ive incluido, e cun prazo máximo de execución de catro meses. 
 
A contratación do proxecto denominado “Obras de mellora do espazo urbano e accesibilidade ó barrio do Sagrado Corazón de Lugo dende a avenida de Carlos Azcárraga” farase por procedemento aberto e presentáronse un total de 12 ofertas. 
 
Unha vez abertas as ofertas, a Mesa de Contratación detectou que unha delas podía estar incursa nunha baixa temeraria polo que se lle deu á empresa afectada o prazo regulamentario para que aporte a debida xustificación. 
 
O proxecto, que foi redactado pola empresa municipal Evislusa, supón a construcción dun ascensor panorámico, que será acristalado, e irá instalado sobre unha estrutura metálica, e terá capacidade para transportar nunha viaxe de 8 a 12 persoas. Co elevador facilitarase o acceso ó barrio en dous niveis, un á altura da Igrexa e outro á altura do Colexio. A base será na rúa de Carlos Ázcárraga, onde terá a primeira parada; a segunda será a 6,75 metros de altura, na praza da Igrexa, e a última situarase á 10,13 metros de alto, e estará comunicada, a través dunha pasarela, coa parte alta do barrio.
 
A solución do elevador comezou a xestarse cando se executaron as importantes obras para facilitar a accesibilidade nas vivendas desta zona, grazas ás actuacións desenvolvidas no marco da Área de Rehabilitación Integral, e nas que colaboraron estreitamente a administración e os veciños do barrio, que fixeron posible, coa súa implicación, a gran transformación que experimentou o barrio.

Noticias relacionadas