A Xunta de Goberno Local aproba a contratación de obras de mellora de accesos as parroquias de Tirimol, Adai e Bocamaos

Luis Álvarez informou do inicio do expediente de expropiación que permitirán ceder nun prazo de 3 meses os terreos para o novo colexio do Sagrado Corazón

Tamén se aprobou a contratación das obras de mellora do tramo de paseo interior da rúa Via Romana

Mércores, 29 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá aprobou a contratación mediante lotes de varias obras de rexeneración e mellora de acceso a tres parroquias do Concello de Lugo. Así, o Lote 1 correspóndese coa rexeneración do firme en conglomerado en quente da estrada entre a N-VI e ata o núcleo de Brea na parroquia de Tirimol por un importe máximo de 130.193,33 euros ive incluido. O Lote 2 é a pavimentación nos núcleos de O Cabalo e Vilamaior entre Adai e Orbazai por importe de 144.725,50 euros ive incluido. E o lote 3 correspondente á rexeneración de firmes nas estradas da LU-234 ao núcleo de Vilar (Bocamaos) por importe máximo de 16.531, 40 euros ive incluido. Todas as obras terán un  prazo máximo de execución dun mes.

Outro dos acordos adoptados foi a aprobación da área de rexeneración e renovación urbana do Centro Histórico de Lugo dentro do Plan de Fomento de Alugueiro de vivendas, rehabilitación de vivendas e rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, e correspondente coa anualidade 2016. O presuposto deste proxecto é dun total de 192.141,24 euros, na que o Concello de Lugo achegará a cantidade de 93.129 euros que representan o 48,47% do total, o Ministerio de Fomento aporta 67.249 euros, cantidade que supón o 35% do total, e a Xunta de Galicia farase cargo de 31.762 euros correspondentes a un 16,53% do custe total das actuacións. Este acordo permitirá a realización das obras de mellora da accesibilidade e dos servizos en tres lugares emblemáticos do Casco histórico de Lugo como son a Praza Maior, a Praza de Pío XII e a Praza da Soidade. 

Luis Álvarez tamén informou da apertura do procedemento de adxudicación da obra correspondente ó Paseo Interior da Muralla no treito de Vía Romana por importe máximo de 156.442,12 euros con ive incluido. Trátase do acondicionamento deste tramo interior da Muralla e que está incluída no proxecto Plan Urban cofinanciada pola Unión Europea a través dos Fondos Feder. Nun prazo máximo de dous meses vaise a reurbanizar unha superficie de 574 metros cadrados cunha lonxitude de 80 metros lineais creando un novo espazo urbano ao carón da Muralla.

En relación, co Plan Urban, tamén se autorizou o incremento no prazo de execución das obras de ampliación das obras de rehabilitación do espazo urbano da Calella do Hospital e Carril do Son. Durante as obras, desfixose parte dun muro que tivo que ser reconstruído para poder seguir coa obra orixinal e que motivou o retraso da mesma. A data límite de execución é o 15 de xuño.

A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto modificado das obras da Ponte sobre o río Mera por un prezo de 180.784,30 euros que supón un incremento de 10.475,77 euros sobre o prezo de adxudicación do contrato primitivo. O Voceiro do Goberno Local  explicou que as modificacións son pequenas e consisten na obra de conexión no muíño augas arriba e para o reforzo e cambio da varanda existen, nun prazo de dúas semanas.

Colexio Sagrado Corazón

O Voceiro do Goberno Local tamén informou que xa se iniciou o expedente de expropiación das tres parcelas nos terreos que albergarán a construción do novo colexio do Sagrado Corazón. 

Luis Álvarez destacou que o Goberno local traballou con moita continuidade tratando sempre que os propietarios deses terreos asinasen os convenios co Concello e que supoñen a obtención gratuita dos mesmos a cambio de que os particulares sigan reservando os seus dereitos de aproveitamento urbanístico destas parcelas noutros puntos da cidade.

“Lamentablamente non fomos capaces de chegar a un acordo con 3 propietarios que só representan o 30% do total dos terreos pero xa están asinados os convenios correspondentes co 70% e por iso iniciamos este proceso de expropiación por taxación conxunta” segundo Álvarez. 

Neste sentido, tamén informou que “os prazos que manexan os funcionarios é que en tres meses estará concluida esta tramitación e poderanse entregar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a totalidade dos terreos”.

Audios

  • Luis Álvarez sobre a contratación das obras de mellora | Descargar mp3
  • Luis Álvarez sobre a expropiación dos terreos do Sagrado Corazón | Descargar mp3

Noticias relacionadas