A Xunta de Goberno da luz verde á contratación de 25 novidosas pantallas dixitais como soporte de información municipal e cidadá

Comprenderá paneis electrónicos para información sobre aparcadoiros públicos, información municipal e eventos, información horaria e data, temperatura, canal publicitario conectable e avisos de interese cidadá

O prazo de presentación de proposicións será de quince días naturais dende a publicación do anuncio de licitación no Perfil do Contratante do Concello de Lugo, aloxado na Plataforma de contratación do sector público

Trátase dunha contratación que permitirá ofrecer máis e mellor información á veciñanza, pasando das 11 pantallas anteriores ata as 25 que contempla este contrato

É ademais un paso máis do Concello na modernización da imaxe de Lugo; pois os paneis anteriores, retirados en setembro, estaban obsoletos, limitándose só a proporcionar datos de hora e temperatura

Mércores, 17 de abril de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores sacar a contratación a instalación, mantemento e explotación de pantallas informativas con tecnoloxía electrónica na cidade. A duración inicial do contrato é de dez anos, podendo prorrogarse por períodos máximos anuais sen exceder de quince anos, cun orzamento total de 1.965.600 euros.

Comprenderá paneis electrónicos para información xeral, que deberá incluir obrigatoriamente, e como mínimo, avisos sobre aparcadoiros públicos, información municipal e eventos, información horaria e data, temperatura, canal publicitario conectable e outros avisos de interese cidadá. Así mesmo, poderanse engadir outras prestacións tanto no apartado de información, como de sensórica, comunicacións ou outros sistemas de utilidade para a cidadanía.

Cada licitador ofertará, non sendo superior, 25 unidades, nin inferior a 20, integrando todos os elementos no mesmo soporte. Durante a vixencia da concesión, co obxecto de atender novas necesidades na cidade ou polo desenvolvemento de determinados barrios, e no ámbito rural; poderase dar lugar á ampliación do número de dispositivos instalados ata un máximo de 5 unidades adicionais, nas mesmas condicións de xestión que o resto instaladas. O canon a pagar polo adxudicatario establécese nun mínimo de 218,40 euros pantalla ofertada /ano.

Terase especial coidado coa elección das materias primas podendo, ao longo da concesión, presentar solucións que melloren tecnolóxica ou funcionamente os modelos, que melloren o rendemento enerxético. Os dispositivos ofertados deberán contar con conectividade que permita a súa xestión remota e o módulo informativo incluirá unha pantalla dixital,  a dobre cara, en cor, cunha tecnoloxía que permita unha visualización de calidade. A temperatura, e outros valores presentados, serán locais e puntuais, correspondentes a cada localización onde estea situado cada dispositivo.

O prazo de presentación de proposicións será de quince días naturais dende a publicación do anuncio de licitación no Perfil do Contratante do Concello de Lugo, aloxado na Plataforma de contratación do sector público. Para a adxduciación terase en conta, ademais da oferta economica máis favorable, criterios como as características técnicas, o mantemento, a xestión de contidos ou a districbución dos dispositivos; así como criterios ligado ao uso (porcentaxe de espazo publicitario dedicado ao Concello e número de campañas específicas ofertadas ao Concello).

Tal e como explicou o Voceiro Municipal, Miguel Fernández, trátase dunha contratación que permitirá ofrecer máis e mellor información á veciñanza e a visitantes, pasando das 11 pantallas anteriores ata as 25 que contempla este contrato. É ademais un paso máis do Concello na modernización da imaxe de Lugo; pois os paneis anteriores, retirados en setembro, estaban obsoletos, limitándose a proporcionar só datos de hora e temperatura.

Audio

  • O edil Miguel Fernández, sobre a contratación das pantallas dixitais | Descargar mp3

Noticias relacionadas