A Xunta de Goberno dá luz verde aos expedientes de modificación de crédito para peonalizar a Praza da Milagrosa e Quiroga Ballesteros

Na sesión deste mércores tamén se acordou iniciar o proceso de contratación da explotación da cafetería do Uxío Novoneyra. O canon a pagar polo adxudicatario establécese nun mínimo de 150 euros ao mes

Adxudicadas as subvencións a ONGD para a realización de proxectos de cooperación ao desenvolvemento por 64.500 euros a 6 colectivos

Mércores, 21 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deste mércores deu luz verde a tres expedientes de modificación de crédito nos que, entre outros, se consignan 1,3 millóns de euros para licitar este ano a peonalización da Praza da Milagrosa e de Quiroga Ballesteros, así como a instalación dunha cuberta nesta última rúa. Posteriormente, estes documentos debateranse na Comisión de Contas e o vindeiro xoves, 29 de xuño, procederase á súa votación no Pleno Municipal.

Dentro destes tres expedientes, tal e como informara no día de onte a Alcaldesa, Lara Méndez, e a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto,. Estas son dúas das actuacións fundamentais incluídas nos tres expedientes, que suman un investimento total por valor de 4,3 millóns de euros e subvencións ao tecido asociativo do municipio por 1,7 millóns.

Xunto á peonalización da Praza da Milagrosa e Quiroga Ballesteros, destaca o acondicionamento de aparcamentos disuasorios e o párking no entorno do HULA (350.000€) e o párking no entorno do HULA (119.000€), a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña (110.000€), e a consignación de fondos para cofinanciar os proxectos europeos: Life e EDUSI, todas, actuacións coas que o Goberno avanza na implantación do modelo de cidade polo que traballa, baseado na mellora da mobilidade, na redución do tráfico e na recuperación de espazos públicos para uso público.

Cafetería Uxío Novoneyra

O voceiro informou de que na Xunta de Goberno desta mañá acordouse iniciar o proceso de contratación da explotación da cafetería situada no centro de convivencia municipal Uxío Novoneyra, así como o prego das condicións técnicas e de cláusulas administrativas particulares e a adxudicación por procedemento aberto.

O anuncio de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia de Lugo así como no Perfil do Contratante do Concello. O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais contados dende a publicación do anuncio no BOP.

O prazo máximo de duración do contrato é de 2 anos. O canon a pagar polo adxudicatario establécese nun mínimo de 150 euros mensuais, resultando finalmente o canon ofertado á alza polo adxudicatario na súa proposta económica.

O horario de apertura da cafetería será acorde co horario do centro de convivencia, e como mínimo de luns a venres das 08:30 a 14.00 horas e das 16:00 ás 21:00 horas. Dito horario poderá ser ampliado aos sábados pola mañá en horario de 09:30 horas ás 13:30 horas, sempre e cando as instalacións municipais permanezan abertas.

Subvencións a ONGD

Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno adxudicou as subvencións a ONGD para a realización de proxectos de cooperación ao desenvolvemento por 64.500 euros a 6 colectivos beneficiarios.

Así mesmo tamén se aprobou abrir o procedemento de adxudicación para o alleamento de 7 vehículos municipais desafectados do servizo público de transporte público, e declarados efectos non utilizables, por un mínimo de 3.000 euros; e para o alleamento doutros 3 vehículos, tamén de efectos non utilizables, por un mínimo de 900 euros.

Acordouse tamén abrir o procedemento de adxudicación para a prestación integral das actividades de animación socioculturais para desenvolver pola área de xuventude. Será por unha duración de 2 anos con posibilidade de prórroga ata un máximo de catro, e o orzamento, para a primeira anualidade, ascende a uns 24.000 euros. O prazo de presentación de proposicións será de 15 días dende a publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia.

Quedou tamén aprobada a licitación, mediante acordo marco e por lotes, da subministración de combustible para vehículos e maquinaria municipal, para calefacción de dependencias do Concello, e gas natural. A adxudicación será por dous anos, prorrogable ata un máximo de 4, e o orzamento por anualidade é de 560.900 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas proposicións nun prazo de 40 días dende o envío do anuncio ao Diario Oficial da Unión Europea.

Na reunión de hoxe, entre outros asuntos, a Xunta de Goberno aprobou a liquidación definitiva, duns 159.000 euros -con cargo á Xunta de Compensación, da execución subsidiaria do proxecto de obras relativas a rasantes e anchos de beirarrúas no Polígono 2, Sector Sur-B Louzaneta - As Areeiras, unha vez descontado o aval de 62.990 euros.

Noticias relacionadas