A Xunta de Goberno aprobará a próxima semana a licitación do contrato do guindastre

O Goberno incluirá no Orzamento do 2018 a partida necesaria para contratar asistencia técnica externa co fin de elaborar os expedientes necesarios para avanzar no expediente de municipalización do servizo

Xoves, 30 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, avanzou este xoves no Pleno que a Xunta de Goberno aprobará a próxima semana a licitación do contrato do servizo municipal de guindastre por un período de un ano, con opción de prórroga por outro.

A rexedora explicou que o Goberno local decidiu iniciar unha nova licitación mentres se leva a cabo o expediente de municipalización do servizo, unha decisión motivada pola lexislación, segundo a que “temos que tramitar os pregos en situación de prestación dun servizo sen contrato” e tamén polos informes solicitados aos técnicos municipais, por un lado, o da Xefa de Personal, que acreditou que “ninguén na plantilla municipal pode desempeñar as funcións desenvolvidas polos traballadores da empresa do guindastre, e por outro, o do responsable do contrato, o inspector responsable do Gabinete de Tráfico, que afirmou que debiamos contar si ou si con este servizo con independencia do expediente de municipalización”. Neste último caso, o informe di literalmente que o guindastre “é un servizo necesario e indispensable para seguir mantendo a disciplina no tráfico rodado e ao mesmo tempo dar solución a calquera continxencia grave que puidese xurdir, é dicir, garantir a circulación polas vías municipais dos vehículos de urxencias, policía, bombeiros, ambulancias, etc.”

Con respecto á posibilidade de que persoal municipal poida prestar o servizo de guindastre, a Alcaldesa desmentiuno subliñando que, no caso do Parque Móbil ten 11 traballadores, os mesmos que a empresa que presta a día de hoxe o servizo, e, no caso da Policía Local, conta con 122 efectivos, dos 176 que lle corresponden por ratio de poboación, co cal resulta imposible que calquera dos dous departamentos poida asumir máis funcións coma a do guindastre.

A prórroga do contrato, vencido en novembro do 2015, non se produciu porque, a pesar de que a solicitude realizada pola empresa foi respondida de maneira positiva polo responsable do contrato, cando todo estaba listo, “algúns técnicos consideraron que era mellor non prorrogar xa que, ademais, había un pronunciamento do Pleno sobre a municipalización”, indicou Méndez.

Tras numerosas reunións sobre o contido dos pregos, acordouse, segundo explicou a rexedora, que “non se comprarán vehículos para non elevar o custe dun contrato ponte que, polo tanto será dun ano, con posibilidade de prórroga por outro, á espera da evolución do expediente de municipalización. Concordouse na necesidade de ter dúas grúas operativas, xa que, por exemplo, nas festas, temos a obriga legal de ter unha grúa no feiral e outra para realizar os labores ordinarios”. Así mesmo, tomouse a decisión de que o depósito sexa de 24 horas porque ao cidadán “resúltalle custoso, que, ademais de que lle retiren o coche, ter que esperar 12 horas para poder recuperalo. Ademais, poderíase perder o aforro obtido en pagar responsabilidades patrimoniais”.

Con estas premisas elaborouse o prego técnico e administrativo, un proceso que a Alcaldesa admitiu que foi “máis lento do esperado”, o que achacou a dúas razóns: “unha, a complexidade do propio prego, xa que queriamos darlle unha volta completa para repensar o servizo, e dúas, o medo, pois ninguén é alleo a que este prego vai ser mirado con lupa e a conciencia colectiva que temos nesta administración local é o medo a equivocarnos e a acabar no penal por cuestións claramente administrativas”.

Municipalización

Con respecto ao expediente de municipalización, Lara Méndez afirmou que o procedemento “está iniciado”. “É certo que só constituímos a comisión, pero tamén o é que non contamos cos informes que debemos aportar para seguir adiante”. A Alcaldesa recoñeceu que “non fomos todo o áxiles na súa convocatoria e periodicidade”, pero tamén subliñou a necesidade de explicar os motivos. Deste xeito, lembrou que a Comisión de Municipalización do guindastre está composta por varios habilitados nacionais e xefes de servizos de áreas tan transversais como Enxeñería. “Non digo nada novo ou que non saiban se afirmo que a Vicesecretaria e o Interventor están saturados de traballo, un traballo ordinario, debido á escaseza de persoal. É dicir, temos aos funcionarios que deberían facer as memorias saturados de traballo ordinario: fiscalizar subvencións, pagos, contratación de persoal, presupostación, o Plan Económico Financeiros, en definitiva, o día a día da Administración”.

Ante esta situación, no primeiro trimestre deste ano o Goberno, explicou a Alcaldesa, chegou a un acordo con outros grupos municipais, conscientes da carga de traballo de certos funcionarios, para avanzar no expediente de municipalización a través da contratación de asistencia técnica externa. De feito, a rexedora afirmou que non se fixo este ano pola falta de Orzamentos, pero que está previsto incluír presupostos municipais do vindeiro ano 2018 a partida necesaria para contratar este apoio, a colexios profesionais ou á Universidade, que se encargarían de elaborar os necesarios estudos de custes, e memorias sociais e laborais para que logo todo sexa validado por un funcionario de carreira.

Procedemento legal

Por último, a Alcaldesa, ante as “certas sombras de ilegalidade” que manifestou o voceiro do Grupo Mixto, recalcou que a situación actual da grúa “non é ilegal, nin moito menos manifestamente ilegal, porque senón non estariamos a discutir isto aquí, senón nos tribunais”. Por un lado, e segundo a lexislación vixente, a prestación do servizo sen contrato non é ilegal dende o momento que se está a tramitar a licitación dos novos pregos.

Con respecto á afirmación do concelleiro do Grupo Mixto de que o Concello “lle leva entregados case un millóns de euros” á empresa do guindastre, a rexedora matizou que “non foron entregados, senón pagados, termos cunha diferenza abismal, pois pagar nunha administración significa que a cambio hai un servizo prestado. De feito, o procedemento para o pago inclúe a entrega da factura detallada en custos de servizo pola empresa, un primeiro filtro por parte do responsable do contrato que dá fe de que o servizo se prestou e unha fiscalización por parte do Interventor, onde se recoñece a desagregación da factura como cantidade económica a satisfacer polo servizo prestado”.

Plan de emprego municipal

Con respecto á comparecencia da Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, sobre o plan de emprego municipal (Con) trato feito!, lembrou que o Concello presentou o 27 de outubro un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra a sentenza do Contencioso Administrativo que anula o nomeamento do funcionario interino que exerceu as funcións de coordinador do proxecto. Aínda non tendo ningunha consecuencia o ditame xudicial porque o empregado xa non está na entidade local dende hai meses, dado que o seu labor concluíu, o Concello recorre  para “defender a autonomía local”, pois “causa sorpresa que na sentenza se recoñeza que está ben a declaración de servizos prioritarios en escolas infantís e comedores escolares, e non considera que o Concello, que dispón de recursos suficientes e dunha economía saneada, poida recoñecer servizo prioritario o emprego”.

A Concelleira defendeu a “legalidade administrativa” de todo o procedemento e recalcou que os remanentes que quedaron do plan de emprego, que non se puideron reinvestir no mesmo debido ao cambio de exercizo económico, está a disposición do Concello para utilizalos para outras medidas.

A Tinería

A Corporación aprobou de maneira unánime a moción de urxencia presentada polo BNG, segundo a que o Concello solicita á Xunta de Galicia que inicie os trámites para o traspaso á entidade municipal dos locais comerciais da Tinería que son propiedade do IGVS. A Alcaldesa subliñou que o Goberno “non cambiou nunca nin un ápice a súa postura en relación á súa proposta para crear un viveiro de empresas nestes inmobles, pois “dende o principio dixemos que queriamos a cesión como primeira opción e, de non considerarse posible, que nós si cremos que o é, a adquisición directa en réxime de compra ou aluguer”.

Lara Méndez asegurou que “máis importante que o ‘como’ é o ‘para que’, a finalidade, que é manter en mans públicas bens rehabilitados con fondos públicos para rehabilitar e revitalizar un barrio senlleiro como o da Tinería”.

Pola súa banda, o voceiro municipal, Miguel Fernández, puxo de manifesto as continuas “trabas” que o delegado da Xunta na provincia puxo dende o momento que o Goberno fixo a súa proposta: “primeiro que a poxa non se podía parar sen solicitude formal, logo que só se podían comprar e logo que facía falta un acordo plenario”.

Noticias relacionadas