A Xunta de Goberno aproba vantaxes fiscais para as explotacións do rural e os usuarios de comida no fogar e a Escola de Música

Acordou a modificación de tres ordenanzas para bonificar nun 95% o IBI das explotacións agrogandeiras, e eximir do copagamento de comida no fogar a persoas en risco de exclusión social e de determinadas matrículas ao alumnado da Escola Municipal de Música 

Mércores, 18 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores modificacións en tres ordenanzas municipais co fin de implantar vantaxes fiscais para as explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, e para os usuarios do servizo de comida no fogar e a Escola Municipal de Música. Estes cambios son os que a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, lles propuxo aos grupos políticos da oposición nas dúas mesas de traballo sobre as ordenanzas que mantiveron en días pasados.

Deste xeito, tal e como informou o voceiro municipal, Miguel Fernández, na sesión de hoxe, a Xunta de Goberno aprobou implantar unha bonificación do 95% no Imposto de Bens Inmobles (IBI) das construccións destinadas a actividades económicas agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario “co fin de dinamizar social e economicamente o rural, que representa o 80% do territorio do municipio e o 20% da poboación”.

Con esta medida “damos cumprimento a un acordo plenario, e avanzamos no noso firme compromiso co rural. Facemos un esforzo importante porque queremos ofrecer máis facilidades, neste caso a través de medidas fiscais, a aquelas persoas, colectivos e actividades económicas que teñen menos apoio e recursos”, subliñou Fernández, quen lembrou a importancia do sector primario en Lugo, no só porque que no municipio funcionan unhas 400 explotacións gandeiras (200 de leite e 200 de carne), das que viven 400 familias, senón polo impacto da súa actividade na economía lucense, “pois somos unha cidade de servizos, cun tecido empresarial que se nutre da actividade agrogandeira e do rural, e que dá traballo a miles de persoas. Todo o que sexa bo para o sector primario, é bo para Lugo”.

De feito, engadiu o voceiro, esta bonificación do 95% da cota íntegra do IBI aos bens inmobles nos cales se desenvolvan actividades agrícolas ou gandeiras, súmase á reducción dun 50%, xa en vigor, do Imposto sobre Construccións, Instalacións e Obras (ICIO) para os solicitantes de licenzas destinadas a explotacións gandeiras, agrícolas e forestais.

Comida no fogar

Este cambio nas ordenanzas súmase á modificación da norma reguladora das taxas polas prestación do Servizo de Comida no Fogar co fin de “eximir do copagamento nos casos en que o motivo que orixina esta prestación sexa unha problemática de exclusión social, desestruturación familiar ou pobreza infantil, circunstancia que deberá ser debidamente xustificada no correspondente informe social”. Fernández enmarcou esta proposta “no compromiso do Goberno coas políticas sociais para que ninguén se quede atrás”; de feito, o Concello de Lugo “é o primeiro de Galicia en investimento social e o cuarto de toda España”. Os prezos van de 1 a 4,7€ por comida.

Outro dos acordos adoptados pola Xunta de Goberno foi o cambio da ordenanza que regula o prezo público pola prestación dos servizos da Escola Municipal de Música, consistente na implantación da matrícula gratis nas materias do Bloque D para o alumnado que xa superara os 6 anos de permanencia no centro na súa materia instrumental, e tamén para os que xa estean matriculados en unha ou máis materias de calquera do resto dos bloques.

Por outra banda, acordou, como estaba previsto, a modificación da ordenanza reguladora do IBI, co fin de eximir deste imposto á Administración autonómica durante seis anos, a razón de 600.000 euros/ano, en cinco centros sanitarios: a  residencia das Gándaras, o HULA e os centros de Curros Enríquez, Fontelo e Fontiñas, co fin de afrontar o financiamento do novo auditorio.

Todas estas modificacións serán sometidas ao debate e aprobación do Pleno ordinario o vindeiro xoves.

Banco de Instrumentos

Como xa avanzou onte o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, a Xunta de Goberno aprobou a creación dun Banco de Instrumentos na Escola Municipal de Música, unha novidosa iniciativa “que ten como obxectivo fundamental facilitar a aqueles nenos e nenas que teñen poucos recursos a posibilidade de tocar o instrumento que a eles máis lle guste”.

Nesta primeira fase, o Banco, un dos poucos asociados a unha Escola de Música que se pon en marcha en Galicia, ofertará 30 instrumentos, que se irán ampliando paulatinamente e que serán entregados aos alumnos en base á renda familiar. Aceptaranse tamén doazóns de persoas particulares, empresas, entidades públicas ou calquera outro ente ou colectivo. Os fondos iniciais, valorados en máis de 11.500 euros, son trombóns, trompetas, trompas, saxos, frautas, un fagot, bombardinos, unha tuba, unha gaita, pitos, packs de percusión e clarinetes.

Unha vez aprobada a creación do Banco de Instrumentos e as súas bases reguladoras na Xunta de Goberno, a iniciativa poñerase en marcha de maneira inmediata.

Noticias relacionadas