A Xunta de Goberno aproba un suplemento de crédito que permitirá a peonalización de Quiroga Ballesteros

Investiranse en total máis de 10 millóns e medio de euros, dos cales 4,5 corresponden ás áreas coordinadas por Rubén Arroxo

Este expediente permite iniciar o proxecto de peonalización da Ronda da Muralla no treito da Mosqueira

Mércores, 18 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Xunta de Goberno aproba un suplemento de crédito que permitirá a peonalización de Quiroga Ballesteros

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo anunciou en rolda de prensa xunto coa Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, as inversións do expediente de crédito que aprobou a Xunta de Goberno para realizar inversións no concello no último trimestre do ano. Segundo Rubén Arroxo, “hoxe é un día importante para Lugo porque acabamos de aprobar máis de 10 millóns e medio de euros que van permitir inversións para que o concello siga avanzando”.

Na área de mobilidade e infraestruturas, unha das obras máis importantes é a peonalización de Quiroga Ballesteros, onde, cun custo de 1.193.382.61€, inclúense a peonalización e o cambio de servizos da rúa, que, segundo indicou Rubén Arroxo, “que están moi antigos e requiren unha renovación completa”. Rubén Arroxo indicou que “isto vai permitir a práctica peonalización do casco histórico”.  Segundo Arroxo, esta actuación vai ligada á reforma do soto da Praza de Abastos. Dentro deste suplemento contémplanse 1.087.904,40€ que se investirán no repintado da sinalización horizontal da cidade, que segundo o concelleiro nacionalista é “unha demanda social dende hai moito tempo”. Ademais, un total de 990.692,40€ investiranse en “melloras necesarias para a cidade, como pavimentacións de rúas ou renovacións de iluminación”.

Tamén se inclúe a reordenación e sinalización do tráfico na Avenida da Coruña e na Milagrosa, “unha actuación que se iniciou no mandato anterior, co plan de tráfico que se iniciou coa peonalización da praza da Milagrosa,e para o que investiremos 10.633.43€”. No HULA, inclúese unha partida de 25.255,53€ para o acondicionamento do aparcadoiro municipal.

O proxecto de peonalización da Mosqueira terá tamén presenza neste suplemento de crédito, cunha inversión de 64.000€  para o proxecto de peonalización e o plan de tráfico resultante unha vez se realice esta. Segundo Arroxo, “sería o primeiro paso coa idea de que no orzamento do próximo ano poida ir a obra e a Mosqueira esté peonalizada durante o 2020”.

Rubén Arroxo anunciou tamén a inversión de 588.441,97€ no cemiterio de San Froilán, que se destinarán “a unha das fases que xa hai proxectadas para a ampliación do cemiterio”, ademais de a mellorar o acceso a este e que, segundo Rubén Arroxo, é “unha necesidade da que se leva falando moito tempo”.

Unindo a área de infraestruturas con Cultura, inclúense os arranxos do  entorno do auditorio Gustavo Freire. Arroxo destacou que “dentro do reto de manter 4 grandes infraestruturas culturais, o Gustavo Freire non pode quedar atrás e ten que seguir tendo contido”. Dentro disto, investiranse 72.900€ á rexeneración do firme do entorno e 70.000 para o arranxo do escenario “que ten algúns elementos que compre renovar debido á súa idade”. Ademais, contarase con 59.064,05€ para a iluminación exterior do MIHL e 100.000€ para a programación cultural de outono - inverno do 2019 “para seguir mantendo a programación cultural como se viña levando até o de agora”. Un total de 180.000€ investiranse nesta edición do San Froilán, xunto con 67.748,43€ para a limpeza e cambio de ubicación da estatua de Xoán Montes e a escultura da Rúa Castelao.

Dentro da concellería de Educación, investiranse 9.000€ no mantemento das escolas públicas municipais.

Audio

  • O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, sobre o suplemento de crédito | Descargar mp3

Noticias relacionadas