A Xunta de Goberno aproba a supresión temporal da ORA, que será efectiva dende mañá

A medida manterase uns 8 meses, mentres se aproba unha ordenanza de regulación de aparcamentos actualizada e se resolve a nova adxudicación

Mércores, 29 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Tal e como avanzou hai unha semana a Alcaldesa, Lara Méndez, a Xunta de Goberno aprobou este mércores a supresión temporal da ORA, unha medida que será efectiva dende mañá xoves e que se prolongará por un período duns 8 meses, ata o primeiro trimestre do 2016, “o tempo que estimamos necesario para aprobar unha ordenanza de regulación dos aparcamentos actualizada, que recolla a realidade da cidade, e a resolución da nova adxudicación”, explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández.

En relación con este servizo, a Xunta de Goberno tamén acordou hoxe rexeitar o recurso de reposición interposto en marzo pola empresa da ORA contra o acordo que adoptou a Xunta de Goberno o pasado día 29 de xaneiro de renunciar ao contrato por razóns de interese público, unha decisión que foi avalada por unha sentencia do Xulgado Contencioso Administrativo número 2 ditada no mes de abril. 

Tarxeta Cidadá e de residentes

As persoas con Tarxeta Cidadá que teñen saldo no monedeiro de servizos para o pago da ORA, poden facer o traspaso ao monedeiro de transportes dende o mesmo caixeiro. As persoas que só usan o monedeiro de servizos, poderán recuperar o saldo, para o que deberán dar de baixa a tarxeta. O Concello está estudando o sistema para realizar a devolución do importe ingresado, igual que no caso das persoas que teñen tarxeta de residente. O Servizo de Información Municipal 010 atenderá calquera dúbida dos cidadáns ao respecto.

As Gándaras

A Xunta de Goberno de hoxe aprobou a concesión de licencias para a construción de dúas naves industriais no polígono das Gándaras. O Concello aplica unha bonificación do 50% no imposto sobre construcións, instalacións e obras, precisamente para favorecer o asentamento de empresas neste parque industrial. O orzamento das obras é de 71.200 euros en ámbolos dous casos e o prazo de execución, de 24 meses para cada unha das naves. A superficie das parcelas para as que se pide licencia é de 675 metros cadrados cada unha.

Servizos sociais

Por outra banda, na sesión de hoxe acordouse prorrogar o contrato con Alalás ata finais de ano para a prestación de 25 prazas de centro de día destinadas a persoas maiores dependentes por un importe de 47.675 euros, así como o contrato do servizo de vixilancia no Fogar do Transeúnte, por un período de 6 meses e unha contía económica de 43.500 euros.

Audio

Noticias relacionadas