A Xunta de Goberno aproba a rebaixa de salarios da Corporación Municipal

Mércores, 02 de xuño de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Voceiro do equipo de Goberno, José Rábade, anunciou esta mañá que a Xunta de Goberno aprobou a modificación dos orzamentos municipais seguindo as pautas marcadas pola Federación Española de Municipios e Provincias para a rebaixa dos salarios da Corporación Municipal.

Segundo explicou Rábade, o alcalde rebaixará o seu soldo nun 8% e o resto de concelleiros nun 7%, o que suporá un aforro para o Concello de 30.000 euros no ano 2010 e de 45.000 no ano 2011.

Este acordo terá que ser aprobado polo Concello en Pleno.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a revisión de prezos do contrato do servizo de prestación integral das actividades de animación sociocultural para o período comprendido entre o 12 de decembro de 2009 e o 11 de decembro de 2010 subscrito coa empresa Alenti Soluciones para Eventos, S.L. O custe máximo do contrato queda establecido en 332.028 euros, sendo os prezos unitarios das diferentes actividades os seguintes:
- Monitor de animación sociocultural incluíndo material: 22,38 euros.
- Tarefas de apoio e auxilio complementario para o desenvolvemento das actividades:12´04 euros.
- Tarefas de atención e dinamización sociocultural en fins de semana e outros días festivos: 9´90 euros.

Ademais, o Concelleiro anunciou a interposición de recurso de alzada contra a resolución do xefe territorial en Lugo da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia sobre o expediente do proxecto básico e de execución do novo peche do parque Rosalía de Castro.

Rábade explicou que a resolución do xefe territorial en Lugo da Consellería de Cultura e Turismo é susceptible de recurso de alzada ao non poñer fin á vía administrativa, tal e como se establece na Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, cun prazo para interpoñer o recurso dun mes desde a súa notificación.

O Concelleiro afirmou que “o obxectivo do equipo de Goberno é protexer un ben tan importante como é o parque de Rosalía e que xa se ten feito noutras cidades”.

A Xunta de Goberno aprobou tamén a adxudicación provisional da subministración de comidas aos usuarios do Centro de Día Novo Antonio Gandoi á mercantil E.I.L. Insergal, S.L.U. por un prezo de 4´73 euros menú, sendo o prezo máximo de adxudicación de 85.140 euros anuais estimando un número de menús ao ano de 18.000.

 

Multimedia

Noticias relacionadas