A Xunta de Goberno aproba a licitación do contrato de guindastre

A duración do contrato é dun ano, prorrogable por outro, aínda que estará condicionada ao resultado do expediente de municipalización, podendo resolverse anticipadamente se este conclúe nun cambio do modelo de xestión sen indemnización algunha para o adxudicatario

O prezo é de 540.675,77€ a primeira anualidade, conforme ao estudo económico realizado por Enxeñería, segundo o que serán necesarios 6 conductores a xornada completa e un a xornada parcial, e 5 recepcionistas

Segundo os pregos, o servizo disporá dun guindastre as 24 horas, e doutro con horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00, excepto os días das festas de San Froilán e Arde Lvcvs, e 15 días a maiores (para as ocasións nas que se considere preciso o reforzo), nos que tamén estará as 24 horas

Xoves, 07 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal, Miguel Fernández, informou de que a Xunta de Goberno aprobou este mércores, tal e como xa avanzara a Alcaldesa, Lara Méndez, no Pleno ordinario celebrado o pasado xoves, a licitación do contrato de guindastre. O Executivo deu luz verde aos pregos de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas particulares, así como ao gasto e a adxudicación por procedemento aberto do servizo de retirada, inmobilización de vehículos na vía pública e o seu desprazamento, traslado ao depósito e custodia, xestión do inventario de vehículos depositados e a súa entrega a propietarios ou persoa debidamente autorizada previo cobro da corresponden taxa municipal.

A duración do contrato é por un ano, con opción de prórroga por outro, aínda que, como figura nos pregos, estará condicionado ao resultado do expediente de municipalización incoado en cumprimento dun acordo plenario o 31 de marzo de 2016, de modo que a decisión definitiva adoptada antes da finalización do contrato que poida supoñer un cambio no modelo de xestión na prestación deste servizo público implicará a súa resolución anticipada sen indemnización algunha para o contratista.

En canto ao prezo do contrato, fíxase en 540.675,77€ a primeira anualidade, conforme ao estudo económico realizado polo xefe do servizo municipal de Enxeñería achegado xunto cos pregos de condicións técnicas, onde se establece que para cubrir a totalidade de horas obxecto da prestación para cada un dos servizos respectando o número máximo de horas efectivas por traballador, serán necesarios 6 conductores a xornada completa, un a xornada parcial, e 5 recepcionistas. O importe preciso para cubrir os custes salariais é de 315.489,71 euros, mentres que o restante derívase do combustible, mantemento, reparacións e programas informáticos, entre outros conceptos.

Segundo os pregos, o servizo disporá dun guindastre as 24 horas do día, os 365 días do ano, e doutro con horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00, excepto os días das festas de San Froilán e Arde Lvcvs, e 15 días ano ano a maiores (para as ocasións nas que se considere preciso o reforzo), nos que tamén estará as 24 horas.

Publicación e propostas

O Concello publicará anuncios de licitación do contrato no Diario Oficial da Unión Europea, no Boletín Oficial do Estado e no Boletín Oficial da Provincia, así como no perfil do contratante (www.lugo.gal) Tendo en conta que os anuncios se prepararán e enviarán por medios electrónicos e que se ofrecerá acceso por medios electrónicos aos pregos e á documentación complementaria, de conformidade co establecido na Lei de Contratos do Sector Público, o prazo de presentación de proposicións será de 40 días naturais, contados dende a data do envío do anuncio do contrato á Comisión Europea.

A mesa de contratación, tal e como prevé a Lei de Contratos, estará integrada polos seguintes membros: o inspector da Policía Local responsable do Gabinete de Tráfico ou, na súa substitución, o xefe da Policía Local; o secretario xeral do Pleno ou funcionario que o substitúa; a titular do órgano de apoio á Xunta de Goberno local (Vicesecretaria) ou funcionario que a substitúa; o interventor xeral ou funcionario que o substitúa e o titular da Asesoría Xurídica ou funcionario que o substitúa.

Os criterios de valoración establecidos nos pregos son: oferta económica, instalación do depósito (distancia quilométrica medida sobre plano en liña recta dende calquera punto da Ronda da Muralla ata as instalacións do depósito e superficie das instalacións); servizo de grúa 24 horas para atender acontecementos excepcionais (avaliarase a oferta de máis días a maiores dos mínimos de 30 días de funcionamento as 24 horas de dúas grúas esixidos nos pregos técnicos); melloras nas condicións salariais (incremento das retribucións do salario base); planificación do servizo; acondicionamento das instalacións (características do revestimento do solo e sistemas de vixilancia das instalacións); calidade no emprego (melloras salariais e das condicións laborais); e plan de formación.

Seguros e Fogar do Transeúnte

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a prórroga por un ano dos contratos de seguros de responsabilidade civil patrimonial coa firma Zurich e de vehículos e maquinaria do Concello con Helvetia. O importe total é de 216.700€.

Así mesmo, aprobou a licitación dos contratos de subministro de productos de alimentación por 41.261 euros e de productos de limpeza por 3.781 euros para o Fogar do Transeúnte por un período dun ano, prorrogable por outro.

Audio

Noticias relacionadas