A Xunta de Goberno aproba catro declaracións de inmobles en situación de fóra de ordenación

O catálogo de segunda actividade para a Policía Local, que se aprobará de xeito inminente, inclúe 17 postos

Mércores, 18 de febreiro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, informou hoxe da decisión do Goberno local de aprobar catro solicitudes de declaración doutros tantos inmobles en situación legal de fóra de ordenación total. Trátase, concretamente, de construccións con uso principal residencial que están situadas en Amedín-Ombreiro, Alvarello-Pedreda e en Ceide-Outeiro das Camoiras, da parroquia de Santo Estevo de Camoira, así como unha nave na Campiña-Muxa na que se desenvolve a actividade de garaxe aparcadoiro e taller de mantemento de vehículos propios.

Luis Álvarez destacou que a realidade vén demostrar, unha vez máis, que o PP faltou a verdade cando acusou ó Concello de non tramitar as solicitudes de fóra de ordenación.

Tamén se acordou exceptuar do cumprimento das normas de habitabilidade de vivendas unha actuación de obras de mellora de accesibilidade no portal dun edificio situado na rúa de San Roque.

Pola contra, a Xunta de Goberno acordou denegar unha licenza urbanística para a regularización dunha explotación mineira de granito para uso ornamental no monte veciñal en man común de Benade. A decisión fundaméntase no feito de que a solicitude fíxose sen presentar un proxecto técnico que permita coñecer as actuacións a realizar e comprobar se se axustan ou non.

A marxe dos acordos en materia urbanística, a Xunta de Goberno Local decidiu deixar sobre a mesa para completar informes a proposta de modificación da relación de postos de traballo da Policía Local para a creación do catálogo de postos de traballo de segunda actividade.

O Voceiro do Goberno local explicou que, tan pronto estea completo o expedente, probablemente a próxima semana, se aprobará esta nova relación que prevé postos de segunda actividade para 12 policías locais, 3 oficiais de policía e 2 de inspector principal ou inspector da escala executiva.

Con este catálogo de postos de segunda actividade resolverase un asunto que preocupa tanto ó Goberno local como ós sindicatos policiais como é dar unha alternativa a unha situación administrativa á que se poden acoller os axentes ó chegar a unha determinada idade ou ben se se produce unha merma das condicións para o desenvolvemento normal do posto de traballo na Policía Local.
Por outro lado a Xunta de Goberno aprobou hoxe a incautación de garantía definitiva e a reclamación de danas e perdas ocasionados pola falta de pagamento da taxa correspondente á caseta e caldeiro número 5 durante as festas de San Froilán 2014.

Acórdase declarar á empresa responsable da resolución da concesión por incumprimento culpable das súas obrigas, que provocaron uns danos e perxuízos por importe de 25.203 euros. Por elo, procédese á incautación da garantía definitiva por importe de 4.812 euros e reclámase a cantidade de 20.391 euros en concepto de danos e perxuizos causados aos Concello polo incumprimento.

Asimesmo, o Goberno local aprobou hoxe a prórroga por un ano do contrato administrativo correspondente á explotación da cafetería anexa ó complexo deportivo da piscina municipal de Frigsa, polo período comprendido entre o 1 de marzo de 2015 e o 29 de febreiro de 2016, sendo a contía a aboar de 813,02 euros mensuais.

Modificación nas Mesas electorais

O Voceiro do Goberno local tamén anunciou a modificación na ubicación dalgunhas das mesas electorais existentes no noso término municipal, que se producen para dar as máximas facilidades posibles para o exercicio do dereito ó voto das persoas censadas en Lugo.

O Concello, a petición da Comisión de Alcaldía e Participación cidadá, realizou un estudo da ubicación das mesas e colexios electorais a fin de analizar a súa situación xeográfica con relación ao domicilio dos eleitores.

O obxectivo é que, no posible e sempre dentro das limitacións legais establecidas, a ubicación dos colexios electorais sexa o máis cercana posible para o groso do eleitorado da sección censual.

Neste sentido, previos  os informes técnicos oportunos, modificouse a ubicación das Mesas electorais das Seccións: 5/2, 5/3, 5/13, 5/14, 5/16 e 5/19. As zonas afectadas por estes cambios son, en liñas xerais, as Rúas Lamas de Prado, Ourense, Tui, Barrio de Marcelle, Rosende e Mar Cantábrico, así como as zonas do antigo Hospital Xeral, da fábrica de Abella  e do Castiñeiro.

Para que os eleitores e eleitoras afectados estean informados destes cambios, o Concello comezou hoxe mesmo a enviarlles unha notificación na que se se lles indicar o enderezo da Mesa electoral na que lles corresponderá votar nos próximos comicios electorais.

Con esta finalidade, o Concello está a enviar perto de 8.000 cartas a outras tantas persoas inscritas no censo eleitoral nas devanditas zonas.

Así mesmo, lémbraselles a necesidade de comprobar as listas electorais no periodo que, se se cumplen as previsións electorais, será o comprendido entre o 6 e o 13 de abril.

Para máis información poderán dirixirse ao Centro de Servizos municipais sito en Ronda Muralla 197, Oficina de Padrón de Habitantes ou Oficina de atención á cidadanía e ao servizo 010 de atención telefónica.