A Xunta de Galicia diminúe máis do 60% as axudas para a Oficina de Atención aos Inmigrantes

Luns, 22 de outubro de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

No que vai de ano lévanse atendido a máis de 2.000 persoas que solicitaron atención social e xurídica 

A Concelleira de Servizos Sociais, Ana González Abelleira, informou esta mañá da reducción de máis do 60% das axudas que a Xunta concedía para o mantemento da Oficina de Atención ao Inmigrante e que no que vai de ano atendeu a máis de 2.000 persoas.

Ana González Abelleira informou que dende o ano 2005 a Xunta facía unha aportación económica para poder sufragar os gastos de persoal e para a realización de cursos de español, unha aportación que no 2011 foi de 52.948 euros e que para este ano se queda en 20.074 euros, un 60% menos. Desta maneira terá que ser o Concello quen, unha vez máis, “asuma as competencias da Xunta pero sin o orzamento necesario polo que queda claro que son especialistas en abandonar aos que máis o precisan” segundo declarou a responsable de Servizos Sociais. Tamén informou que esta medida era moi perxudicial xa que “case o 6% da poboación empadroada no Concello de Lugo son inmigrantes que deben dispor dos medios necesarios para unha correcta información dos trámites que teñen que realizar”.

Dende xaneiro a setembro deste ano, a Oficina de Atención ao Inmigrante do Concello de Lugo, atendeu a un total de 2.147 persoas que se dividen en dous tipos de necesidades. Por un lado, 1.929 inmigrantes solicitaron axudas para a realización de informes e documentos de arraigo social na cidade, sobre o reagrupamento familiar, a petición de axudas para a emigrantes retornados ou a solicitude de asistencia social por escasez de recursos ou problemáticas económicas.Por outro lado ofrécese asesoramento xurídico, unhas medidas que foron solicitsadas por 218 persoas que tiñan dúbidas sobre os dereitos de estranxería ou a tramitación de diferentes tipos de autorizacións. 

Multimedia

Noticias relacionadas