Xoves, último día para presentar ofertas á construcción da pasarela peonil ao Miño, que financian, xunto ao Concello, os fondos FEDER

O orzamento de licitación desta nova infraestrutura, enmarcada dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado, financiada ao 80% polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional, é de 988.400 euros

Con esta actuación, o Goberno responde a unha importante, reiterada e histórica demanda das persoas siareiras que acoden ao Anxo Carro e da cidadanía lucense en xeral

Grazas aos fondos FEDER, Lugo terá unha pasarela que permita unha conexión segura e cómoda para peóns e ciclistas; unha medida de mobilidade sostible coa que o  Goberno transformará o caracter da cidade, deixando de darlle as costas ao Miño para converterla en cidade que prolonga os espazos públicos

Martes, 22 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Este xoves, 24 de xaneiro, é o último día para presentar ofertas para as obras de construcción dunha nova pasarela peonil ao Miño. Trátase dunha iniciativa incluída na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) de Lugo, denominado Muramiñaeda Muralla ao Miño; cofinanciada nun 80% con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Conta cun orzamento de licitación de 988.400 euros e un prazo de execución de 6 meses.

O obxectivo destas obras, que son unha das primeiras obras da estratexia DUSI en saír a licitación xunto ás de descontaminación dos solos do barrio do Carme, unha vez que se concluíu a xestión da redacción dos proxectos; é crear un novo itinerario para peóns e bicicletas que favoreza o acceso dende o centro urbano á zona do río, e en especial ao campo de fútbol, co fin de reducir a dependencia do uso do vehículo e mellorar a seguridade vial. Con esta actuación, o Goberno responde a unha importante, reiterada e histórica demanda das persoas siareiras que acoden ao Anxo Carro e da cidadanía lucense en xeral.

As obras proxectadas consisten na execución dun paso superior peonil sobre a N-VI de xeito que se reforce a permeabilidade transversal entre o casco histórico e unha das zonas máis deportivas, así como á zona de congresos da cidade. Esta pasarela terá un dos seus estribos na isleta do enlace da N-VI co acceso ao complexo deportivo e ao campo de fútbol, sendo este o único espazo posible de desembarco. O outro dos estribos localizarase na zona máis próxima posible á zona do aparcadoiro do Pazo de Feiras.

Será unha pasarela de arco metálico rebaixado, que se considera a máis adecuada debido á súa luz libre de 45 metros, apoiada en dous estribos de formigón, circulares de 2 metros de diámetro, que á súa vez serven de apoio ás ramplas de acceso, tamén metálicas e con trazado en espiral. Colocarase tamén unha varanda e pavimento de resina antideslizante.

O inicio das obras da pasarela está condicionado áincorporación ao expediente administrativo da correspondente resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Ministerio de Fomento; de xeito que de non ser estas favorables ao proxecto presentado ou de establecerse condicións que modificaran substancialmente as unidades de obra do proxecto, que modificara o seu orzamento ou que supuxera un cambio substancial nos termos deste expediente de contratación, o Concello podería renunciar á celebración deste contrato para licitar.

Grazas aos fondos FEDER, Lugo terá unha pasarela peonil que permita unha conexión segura e cómoda para peóns e ciclistas; unha medida de mobilidade urbana sostible coa que o  Goberno transformará o caracter da cidade, deixando de darlle as costas ao Miño para converterla en cidade que prolonga os espazos públicos para o seu uso público, convertendo Lugo en cidade do século XXI. Ademais, esta inversión é un exemplo máis de como Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) poden mellorar a vida dos e das luguesas, neste caso a través dunha nova infraestrutura para unir a cidade co Miño favorecendo a mobilidade.

Noticias relacionadas