As Xornadas Penitenciarias Lucenses, coas que colabora o Concello, cumpren 30 anos abordando os delitos informáticos contra os menores

O voceiro municipal e a presidenta da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal presentaron unha nova edición desta cita, que cada ano reúne en Lugo a un centenar de persoas, e que terá lugar dende o 26 ao 28 de setembro

Martes, 12 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As Xornadas Penitenciarias Lucenses, coas que colabora o Concello, cumpren 30 anos abordando os delitos informáticos contra os menores

O voceiro municipal, Miguel Fernández, e a presidenta da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, Paula Alvarellos, presentaron este martes no Salón de Plenos unha nova edición das Xornadas Penitenciarias Lucenses, que este ano cumpren 30 anos abordando os delitos informáticos e a súa relación cos menores de idade, tras tratar temas como a suspensión da condena, a pena de violencia de xénero, as medidas alternativas á prisión ou a reforma do Código Penal. Na presentación tamén estiveron presentes a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, outros membros da entidade organizadora, como o vicepresidente, a secretaria e o tesoureiro, Manuel Saavedra, Nuria Moreno e Óscar Rancaño, respectivamente, e os directores das prisións de Bonxe e Monterroso. O Concello colabora con esta iniciativa cunha achega económica de 5.000 euros.

No acto, Fernández destacou o interese que un ano más proporcionan estas xornadas e que nesta edición ofrecerán interesantes interpretacións sobre os novos delitos que surxen coa universalización do uso das tecnoloxías. O edil tamén quixo agradecer o esforzo e traballo da Asociación Concepción Arenal polo labor de inclusión que realiza, buscando a igualdade de dereitos e oportunidades.

O voceiro municipal fixo referencia ao incremento dos delitos informáticos, “que non son nada novo, senón que seguen sendo o mesmo pero adaptados á epoca moderna, delitos”. Neste senso tomou man das cifras, que non deixan de subir ano tras ano, batindo todos os récords no 2015, onde se levaron a cabo 272 operacións e se detiveron a 226 persoas en España. Neste liña, tamén lembrou que os menores son víctimas de un de cada catro delitos informáticos, tendo que ver maioritariamente coa explotación sexual. “Por iso é importante a concienciación cidadá”, engadiu Fernández, quen chamou a facer un uso responsable e adecuado das novas tecnoloxías.

Pola súa banda, Alvarellos tamén incidiu no “escandaloso crecemento” deste tipo de delitos, subliñando que o 81% dos menores están preocupados polo acoso, e o 19% dos cativos son suxeitos pasivos de delitos. “O destas edición, trátase, unha vez máis, dun tema de plena actualidade, onde o que pretendemos é dar voz á xente máis implicada na prevención, falando de delitos como o sexting, o ciberbulling, o grooming, que é a suplantación da identidade dun adulto para conseguir contidos dun menor, ou sextorsión, dende o punto de vista, xurídico, preventido e educativo, para o que se adicará un día a cada un”, segundo indicou a presidenta da asociación, quen agradeceu a colaboración do Concello, “que sempre axuda a difundir temas de interese actual”.

Avance da programación
As XXX Xornadas Penitenciarias, que cada ano reúnen en Lugo a un cento de persoas, terán lugar por primeira vez ao longo de tres días, do 26 ao 28 de setembro, dende as 18:00 ás 21:30 horas o primeiro día, e a partir das 19:00 horas, o segundo e o terceiro no Salón de Actos do Pazo Provincial. Na xornada inaugural, tras a tradicional entrega das medallas Concepción Arenal terá lugar unha conferencia a cargo de José Antonio Vázquez Taín, Maxistrado do Xulgado do Penal nº2 da Coruña, co Decano do Colexio de Avogados de Lugo, Félix Mondelo como moderador. O segundo día, será a quenda da Maxistrada do Xulgado de Menores nº1 de Lugo, Sara Pendás e do Responsables do Equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra, Gonzalo Sotelo, que centrarán as súas intervencións na prevención e loita contra os delitos informáticos, facendo especial referencia aos menores. O último día centrarase nas medidas de intevención eficaz para menores con risco, unha ponencia que ofrecerá o director de Alar Galicia, Fernando González. 

Audio

Noticias relacionadas