XLVI Semana de Música do Corpus: unha celebración dos sons barrocos e clásicos en Lugo

Carmen Basadre, Pilar García e José Luis Díaz presentaron este festival, que inclúe 8 concertos, que terán lugar do 18 de maio ao 9 de xuño, no Círculo das Artes, na Casa do Saber e no Vello Cárcere

Completa a programación o V Festival Internacional de Órgano, que se celebra do 1 ao 11 de xuño. Tamén haberá un Tributo a Montes, o 21 e 27 de maio, e música na rúa, o 2 de xuño

Xoves, 03 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
XLVI Semana de Música do Corpus: unha celebración dos sons barrocos e clásicos en Lugo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a Deputada de Cultura, Pilar García, e o representante da Sociedade Filharmónica de Lugo, José Luis Díaz, presentaron este xoves, na Sala de usos múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a XLVI Semana de Música do Corpus. Trátase dunha programación de 8 concertos, que terán lugar do 18 de maio ao 9 de xuño no Círculo das Artes, na Casa do Saber e no Vello Cárcere. Unha vez máis, esta semana de música clásica e barroca, complétase co V Festival Internacional de Órgano Corpus Christie de Lugo, que se celebra do 1 ao 11 de xuño na Catedral de Santa María, na Igrexa de Santiago A Nova e na Capela do Seminario Diocesano. Ademais, o 21 e 27 de maio celebrarse un Tributo a Montes, a cargo dos coros locais Cantar Delas e a Coral do Hospital de Lugo na Igrexa A Nova, e tamén haberá música na rúa, a cargo do alumnado do conservatorio e das escolas de música, das 12:00 ás 20:00 horas, o sábado, 2 de xuño.

Durante a presentación, Carmen Basadre manifestou o esforzo que se realiza dende o Concello para garantir a continuidade deste festival de gran presenza recoñecida e de gran participación. Así mesmo, lembrou o caracter internacional do festival de órgano, que se consolidou como referente en Galicia e no ciclo europeo, e que ademais recuperou o patrimonio organístico musical, poñendo en valor a música luguesa.

Pola súa banda, Pilar García remarcou a sensibilidade do Goberno da Deputación con cantas iniciativas musicais e culturais se realizan na provincia, como o Castañazo Rock e o Resurrection Fest, e convidou á cidadanía a asitir a estas xornadas musicais únicas, e totalmente de balde.

Para rematar, José Luis Díaz agradeceulle ao Concello que confíe na Sociedade Filharmónica de Lugo para deseñar e dirixir este ciclo, que este ano rende homenaxe ao Ano Patrimonio Cultural Europeo.

Durante case un mes, músicos e agrupacións destacadas fan protagonistas a grandes pezas da historia musical. Un evento cheo de prestixio e calidade que, nesta ocasión, reunirá na cidade ao Cuarteto Quiroga, ao grupo Los Afectos Diversos & Oniria e ao pianista e compositor Uri Caine. Neste festival tamén participará Ensemble 1700 - Dorothee Oberlinger, Dmitry Sinkovsky, Vittorio Ghielmi e Olga Watss; así como Massimo Spadano e Fernando López Pan, Shoach for solo violín & Sacred Temple, Yulia Iglinova, Javier Albarés e Daniel del Pino, así como Accademia del Piacere, con Nuria Rial como soprano.

Festival Internacional de Órgano

Por outra banda, os encargados de poñerlle son ao VFestival Internacinal de Órgano do Corpus Christi, neste caso organizado polo Centro Eucarístico Lucense coa colaboración da entidade local e enmarcado dentro do ciclo europeo, son os intérpretes Hans Ole Thers, Johannes Skudilk e Luckas Gothszalk (na trompeta), Jan Vermeire & Guiulio Mercatin; a soprano Lidia Basterretxea con Calude Hauri ao cello e Giulio Mercati en harmonium; e Inge Beck co Coro Solo Voces.

Máis info

Noticias relacionadas