A XIII Marcha pola Igualdade inicia o programa de actos polo 8 de marzo en homenaxe ás mulleres

A programación organizada polo Concello para conmemorar o Día Internacional das Mulleres inclúe hoxe outras actividades, como O Taboleiro da Igualdade

Domingo, 06 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A XIII Marcha pola Igualdade inicia o programa de actos polo 8 de marzo en homenaxe ás mulleres

Ducias de lucenses tomaron parte este domingo na XIII Marcha pola Igualdade, coa que deron comezo na cidade de Lugo os actos que organiza o Concello para conmemorar, este 8 de marzo, o Día Internacional das Mulleres, cunha programación que inclúe numerosas actividades.

A Marcha comezou na Praza Maior diante do Concello e continuou dando unha volta pola Muralla. No acto participou a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, acompañada por membros da Corporación municipal.

Posteriormente, na Praza Maior tamén houbo O Taboleiro da Igualdade, consistente nunha exhibición de xadrez en igualdade coa realización de partidas simultáneas, a cargo da Asociación Cultural Xaquedrum, aberto á participación de mulleres de calquera idade.

Próximas actividades

O día 8 de marzo, ás 12:00 horas, na Praza Maior diante da Casa do Concello terá lugar a lectura do manifesto polo Día Internacional das Mulleres. Posteriormente, ás 12:30 horas celébrase no Salón de Plenos do Concello a entrega de premios Entre Mulleres, que este ano será concedido á cooperante Ana Vila Montero, polo seu labor en prol do desenvolvemento social en zonas rurais de Nicaragua. Posteriormente, terá lugar a presentación dun documental sobre as irmáns Elisa e Jimena Fernández De La Vega, as primeiras mulleres licenciadas en Galicia e Asturias.

Pola tarde ás 19:00 horas diante da Praza de San Marcos celebrarase a Quedada pola Igualdade reivindicativa con varias as actividades, onde se lerá un manifesto, proxectaranse varios vídeos para pór en valor o importante valor das mulleres, e colocaranse varios paneis na praza para que a xente deixe a súa frase pola igualdade.

Ás 21:00 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire terá lugar o concerto solidario ProRefuxiados Voces pola Paz, a cargo de Mayka Sitte, Mayka Edjole e Desiree Diouf. As entradas custan 5 euros e poden retirarse en www.ticketea.com, o importe recadado irá destinado integramente a Médicos Sen Fronteiras.

O sábado 12 de marzo, Lugo acollerá o IX Encontro da Muller Xorda en Galicia. Ás 11:00 horas terá lugar unha andaina pola Muralla, que rematará coa lectura dun manifesto na Praza Maior. Posteriormente, na Facultade de Formación do Profesorado, ás 16:00 horas celebrarase unha mesa redonda, A Muller Xorda: O seu empoderamento, e logo a charla Cómo chegar a ser unha senadora sendo unha persoa xorda, a cargo de Pilar Lima.

Ademais, durante o mes de marzo, nas ociotecas municipais do programa Aprende Xogando levaranse a cabo actividades de fomento da igualdade e a Biblioteca Municipal destacará os libros de autoría feminina.

Multimedia

  • A XIII Marcha pola Igualdade inicia o programa de actos polo 8 de marzo en homenaxe ás mulleres
  • A XIII Marcha pola Igualdade inicia o programa de actos polo 8 de marzo en homenaxe ás mulleres

Noticias relacionadas