Xa se coñece o cartel que anunciará o San Froilán 2015, que ten un deseño moi moderno e no que están representados todos os monumentos destacados da cidade

O autor do cartel gañador do San Froilán é un lucense e do San Froilan Miúdo tamén unha nena da cidade de 5 anos

Venres, 05 de xuño de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Cartel ganador

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua en funcións, Carmen Basadre, deu a coñecer hoxe o cartel anunciador do San Froilán 2015, logo da reunión que celebrou o xurado do certame esta mañá na Casa do Concello.

A obra gañadora do Premio de Deseño Gráfico San Froilán 2015 foi presentada co lema Colinas Ferstivas e o seu autor é Antonio Pereira Saqués, de Lugo. O gañador do concurso, ademais de ter a honra de ser o autor do cartel que se repartirá por toda España, contará cun premio económico que ascende a 2.000 euros.

Os membros do xurado destacaron, entre outros aspectos, que o deseño gañador é moderno, con moita cor, e que conta cos monumentos significativos da cidade e ademais varía a imaxe típica do polbo pero aínda así reflicte elementos característicos do San Froilán. En total presentáronse 48 traballos ó certame convocado polo Concello para elexir o cartel anunciador das festas de San Froilán 2015.

O xurado tamén seleccionou o cartel gañador do concurso de deseño gráfico do San Froilán Miúdo 2015. Neste caso, o traballo elixido para o cartel anunciador foi presentado pola nena Lucia Varela Torres, que é de Lugo, e ten cinco anos baixo o título A mellor festa de Galicia.

Neste caso, o xurado salientou a utilización da cor e os elementos gráficos empregados. Na categoría infantil optaron ó concurso, que está dotado cun agasallo valorado en 300 euros, 30 traballos.

O xurado estivo composto polo fotógrafo Pradero e polos profesores da Escola de Arte e Superior de Deseño “Ramón Falcón”, Dores de las Cuevas e Jose Antonio Cruz Lago.

Audio

  • Carmen Basandre na presentación do cartel gañador | Descargar mp3

Multimedia

Noticias relacionadas