Xa se coñece o cartel que anunciará o San Froilán 2014, que representa a un polbo e integra todos os elementos característicos das festas

Xoves, 19 de xuño de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O autor é un veciño da localidade murciana de Alcantarilla mentres que o cartel do San Froilán Miúdo deseñouno unha nena de Vilachá de Mera

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer hoxe o cartel anunciador do San Froilán 2014, logo da reunión que celebrou o xurado do certame esta mañá na Casa do Concello.

A obra gañadora do Premio de Deseño Gráfico San Froilán 2014 foi presentada co lema “Te faltarán manos” e o seu autor é Cristóbal Aguiló Domínguez, de Alcantarilla (Murcia).

O gañador do concurso, ademais de ter a honra de ser o autor do cartel que se repartirá por toda España, contará cun premio económico que ascende a 2.000 euros.

Os membros do xurado destacaron, entre outros aspectos, que o deseño gañador é divertido e lúdico, conecta moi ben coa xuventude e reflicte todos os elementos característicos do San Froilán.

O motivo predominante nos carteis presentados foi o polbo, xunto coa Muralla e San Froilán. En total presentáronse 39 traballos ó certame convocado polo Concello para elexir o cartel anunciador das festas de San Froilán 2014.

O xurado tamén seleccionou o cartel gañador do concurso de deseño gráfico do San Froilán Miúdo 2014. Neste caso, o traballo elixido para o cartel anunciador foi presentado pola nena Cristina Losada Adariz, que é de Lugo, concretamente de Vilachá de Mera.

Neste caso, o xurado salientou a utilización da cor e os elementos gráficos empregados. Na categoría infantil optaron ó concurso, que está dotado cun agasallo valorado en 300 euros, 14 traballos.

O xurado estivo composto polo fotógrafo José Reigosa; o profesor da Escola de Arte e Superior de Deseño “Ramón Falcón” Alejandro Carro e o historiador Adolfo de Abel Vilela e actuou como secretaria a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre.

Multimedia

Noticias relacionadas