Volven as catas literarias ao MIHL, nesta edición, con nome de muller

Carmen Basadre presentou a programación, que arrincará este xoves, 28 de febreiro,  ás 20:00 horas, co relatorio de Yolanda Castaño

As seguintes citas, que engloban literatura, degustación de tapas e música, terán lugar o 14 de marzo e o 2 de maio. Serán a cargo de María Solar e Marta Robles, respectivamente

As entradas para participar nesta actividade poranse á venda o mesmo día que se celebre cada cata literaria, nas propias instalacións do MIHL, por un prezo de 1 euro

Luns, 25 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Volven as catas literarias ao MIHL, nesta edición, con nome de muller

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este luns, na Sala de usos múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a programación dunha nova edición de catas literarias, que regresan ao Museo Interactivo da Histoira de Lugo (MIHL) e nesta edición, con nome de muller.

Trátase dunha actividade que engloba literatura, con degustación de tapas da gastronomía lucense e música. A maiores, en todos os encontros, hai degustación a cargo de Bodegas Regina Viarium.

Carmen Basadre fixo fincapé nesta programación "como unha forma de socialización, para falar de cultura e, ao mesmo tempo, entablar amizadade; mentres que a cidadanía se sumerxe no mundo dos libros, da literatura e da poesía".

A programación arrincará este xoves, 28 de febreiro, co relatorio da poeta Yolanda Castaño, ás 20:00 horas. Licenciada en Filoloxía Hispánica, Castaño dase a coñecer a adolescencia, a través dunha serie de premios de poesía, ata que en 1994 publica o seu primeiro libro, Elevar as pálpebras, con 17 anos. Como crítica literaria colaborou en distintas publicacións  e participou en varios volumes colectivos. Foi membro do equipo directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e de Lecturas de Cal, unha editorial de poesía destinada aos novos valores. Nesta primeira cata, a banda sonora é do pianista Manuel Varela.

As seguintes citas terán lugar o 14 de marzo e o 2 de maio, tamén ás 20:00 horas, nas instalacións do MIHL. Concretamente, a segunda cata correrá a cargo de María Solar, escritora e coordinadora de cultura da Televisión de Galicia e da Radio Galega; encargada de presentar e dirixir o programa cultural ZigZag fin de semana na TVG. A literatura é a súa outra pasión xunto ao periodismo. As súas novelas teñen como público destinatario tanto a adultos como o de todas as idades. A súa obra, escrita orixinalmente en galego, pódese ler tamén en castelán e catalán, e foi traducida internacionalmente ao polaco, agardando ser traducida ao italiano, portugués, chino e filipino.

A terceira e última cita estará dirixida por Marta Robles, licenciada en Ciencias da información, con máis de 30 anos exercendo a súa profesión en todo tipo de medios. Comezou a súa carreira na revista Tiempo e dende aquelas colabora en distintas publicacións. En televisión traballou en Canal 10, TVE, Tele 5, Antena 3 e Telemadrid, entre outras, e en radio dirixiu e presentou programas en Radio Intercontinental, Cadena Ser, Onda Cero ou EFE Radio. Autora de 7 libros de no ficción, actualmente colabora en La Razón, La Gaceta de Salamanca ou Espejos Público, entre outros.

As entradas para participar nesta actividade poranse á venda o mesmo día que se celebre cada cata literaria nas propias instalacións do MIHL, por un prezo de 1 euro. O número de participantes é limitado a 90 persoas.

Máis info

Audio

  • Carmen Basadres sobre as MIHL - Catas Literarias | Descargar mp3

Noticias relacionadas