A Volta Junior convoca en Lugo a 120 escolares de 10 colexios públicos da cidade

A Alcaldesa achegouse este xoves ao centro Quiroga Ballesteros, onde se están celebrando actividades de difusión da bicicleta dirixidas aos máis cativos aproveitando a chegada do pelotón ciclista á cidade, o vindeiro 24 de agosto

Nesta iniciativa lúdica-educativa participaron, dende o pasado mes de marzo, uns 2.000 nenos e nenas de 10 colexios públicos da cidade

Xoves, 02 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Volta Junior convoca en Lugo a 120 escolares de 10 colexios públicos da cidade

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, achegouse este xoves ao colexio Quiroga Ballesteros, onde ao longo do día de hoxe e mañá se están celebrando actividades de difusión da bicicleta, aproveitando a chegada do pelotón ciclista á cidade o vindeiro 24 de agosto. Trátase dunhas actividades paralelas á Volta Junior, anunciada no pasado mes de abril pola rexedora e impulsadas pola propia Volta Ciclista a España co Consello Xeral de Deportes e a Asociación de Ciclistas Profesionais.

Durante a visita ao centro, na que tamén estivo presente o director, José Antonio Pardo, a rexedora convidou aos máis cativos a aproveitar estas actividades “que fomentan por medio da Volta Junior a práctica do ciclismo e o impulso de valores como o esforzo e o traballo en equipo, ademais de educar aos rapaces en seguridade viaria”. Neste senso, tamén os animou a achegarse á Praza Maior o día 24 de agosto onde poderán pasar un rato divertido con actividades de lecer, como hinchables.

Nesta iniciativa paralela á Volta Ciclista participaron, dende o pasado mes de marzo, uns 2.000 nenos e nenas de 10 colexios públicos da cidade, Luis Pimentel, Menéndez Pelayo, Rosalía de Castro, A Ponte, Albeiros, Casás, Paradai, Illa Verde, As Mercedes e por último, Quiroga Ballesteros. As actividades engloban unha parte teórica, onde se promove a práctica de bos comportamentos viarios e se trata o día a día dun ciclista durante a Volta Ciclista, e unha parte práctica, onde os escolares demostran eses comportamentos viarios adquiridos previamente. O neno e a nena de cada aula con mellores habilidades serán os encargados de competir nesta Volta Junior, convocando esta proba a un total de 120 escolares que recorrerán o último último quilómetro da etapa entra a rúa Vilalba e a confluencia da Ronda coa Avenida da Coruña. O gañador desta competición poderá subirse ao podio cos cilistas vencedores da 5ª etapa da Volta Ciclista a España, que finalizará en Lugo.

Noticias relacionadas