Visitas guiadas e actuacións musicais, este venres e sábado, para conmemorar o Día Internacional dos Museos

Co obxectivo de promocionar o patrimonio lucense e os museos do Concello, as persoas interesadas poderán subir fotografías e vídeos as redes sociais cos hashtag #LugoÉMundial e #IMD2018

Mércores, 16 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer este mércores, as actividades que organiza o Concello para conmemorar o Día Internacional dos Museos, que se celebra o venres 18 de maio. A programación consistirá na realización de visitas guiadas, a ampliación dos horarios dos museos municipais e actuacións musicais.

Carmen Basadre animou a participar a todos e todas os lucenses nestas actividades e ademais convidou á veciñanza a que “axude a visibilizar e poñer a énfase no patrimonio e os museos da cidade a través da campaña en redes sociais”.

  • Venres, 18 de maio: o Centro de Interpretación da Muralla abrirá as portas dende ás 11:00 ata ás 22:00 e a Casa dos Mosaicos, o Centro Arqueolóxico e a Sala Porta Miñá, de 11:30 a 13:30 horas e de 17:00 a 22:00 horas.
  • Sábado 19 de maio: nesta xornada os horarios tamén se amplían no Centro de Interpretación da Muralla e a Sala Porta Miñá, que abrirá ata ás 00:15 horas, con visitas guiadas a partir das 22:00 horas; e na Sala Porta Miñá haberá visitas guiadas, a partir das 22:00 horas. Ao final terán lugar pequenas actuacións musicais de 10 minutos de duración.

Creación de hashtag

Ademais das actividades mencionadas levarase a cabo unha campaña en redes sociais co fin de dar unha maior visibilidade a rede de museos municipais e o patrimonio de Lugo a través das novas tecnoloxías. Ao longo desta fin de semana todas as persoas interesadas poden subir unha fotografía ou vídeo do patrimonio de Lugo ou ben dos museos do Concello coa etiqueta #LugoÉMundial e #IMD2018 (etiqueta que se usará a nivel mundial para promocionar as actividades deste día).

A temática que envolve esta campaña xirará entorno aos Museos Hiperconectados: enfoques novos, públicos novos, co fin de que a través dos hashtag, podamos hiperconectar os museos de Lugo cos do resto do mundo.

Para máis información as persoas interesadas poden consultar a Oficina Municipal de Turismo, situada na Praza do Campo, número 11 ou no teléfono: 982 251 658.

Audio

  • Carmen Basadre sobre o "Día Internacional dos Museos" | Descargar mp3

Noticias relacionadas