Visita da Concelleira de Economía e Emprego a un curso que imparte o Secretariado Xitano nas instalacións do CEI

Xoves, 02 de decembro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e o Director en Galicia da Fundación Secretariado Xitano, Santiago González Avión, efectuaron hoxe unha visita a un curso de informática básica para mulleres de étnia xitana que se imparte en instalacións do CEI-Nodus.

Trátase dun curso que imparte a Fundación Secretariado Xitano nunha aula que lle cedeu gratuítamente o Concello. O curso, de 100 horas de duración, impártese ata o día 10 de decembro coa asistencia de once alumnas. As alumnas son mulleres desempregadas con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos.

Sonia Méndez lembrou que non é a primeira vez que a Concellería de Economía e Emprego colabora coa Fundación Secretariado Xitano porque esta entidade “sempre está a carón dun colectivo que necesita inserción social e laboral”. Tamén sinalou que é importante que “saiban que o Concello dispón de instalacións como o Espazo Lab, que conta con aulas abertas pola mañá e pola tarde nas que se pode acceder a ordenadores para elaborar currículums ou buscar emprego, e tamén temos o Centro de Empresas, cun viveiro para emprendedores, porque tamén estas persoas poden convertirse em emprendedoras”.

O Director da Fundación Secretariado Xitano en Galicia agradeceu a colaboración que lle presta o Concello tanto en materia social como de emprego e dixo que se trata “dunha aposta máis pola igualdade”. Tamén destacou que as alumnas deste curso son vítimas “dunha doble discriminación, por ser mulleres e xitanas”. Ademais dixo que o curso ten o obxectivo de “romper a barreira de tipo tecnolóxico” que padece este colectivo e indicou que “o acceso ás novas tecnoloxías supón unha oportunidade para a súa integración social”.

Multimedia

Noticias relacionadas