Vintecinco técnicos da zona do Magreb participan na EPS no II Seminario Internacional sobre Sistemas Agroforestais O curso foi inaugurado este luns na Sala de Xuntas

Luns, 19 de maio de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Esta semana impartirase na Escola Politécnica de Lugo o terceiro módulo do II Seminario Internacional sobre ‘Sistemas Agroforestais como técnicas de manexo sostible do territorio’, financiado pola Axencia Española de Cooperación Internacional no marco do programa Azahar e dirixido a técnicos do Magreb. Están a participar 25 alumnos de Mauritania, Marrocos, Arxelia, Túnez, Palestina e Líbano.

 

O curso foi inaugurado este luns na Sala de Xuntas da EPS por parte do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, que estivo acompañado polo alcalde da cidade, José López Orozco; o xefe de servizo de Montes da Consellaría de Medio Rural, Javier Bruña; o director da Escola Politécnica, Javier Bueno, e o coordinador en Lugo do curso, Antonio Rigueiro.

 

O Seminario deu comezo o día 6 de maio en Granada, onde os participantes estiveron ata o día 9 centrados na análise da subrexión do mediterráneo árido. A seguinte semana de actividades desenvolveuse en Plasencia, co módulo da subrexión do mediterráneo subhúmido, para rematar a parte teórica, dende este luns ata o 23, no Campus de Lugo, onde se centrarán nas características do mediterráneo húmido/atlántico.

 

O curso está estruturado en dúas fases, unha presencial en España e outra práctica no país orixinario dos alumnos. A fase presencial está estruturada en dúas partes, dous días de clases teóricas, un día de sesións prácticas en gabinetes (desenvolvementos teóricos de casos prácticas a través do emprego de técnicas informáticas) e dous días de visitas de campo a zonas experimentais e de demostración destes sistemas, con gando ovino, vacún, cabalar e caprino.

 

No Campus de Lugo a organización está a cargo do Grupo de Investigación sobre Sistemas Agroforestais da USC, dirixido por Antonio Rigueiro e Rosa Mosquera. Teñen previsto realizar visitas o xoves e o venres a zonas onde están en marcha experiencias sobre emprego de residuos en fertilización de sistemas agroforestais de masas novas e sobre o emprego de residuos na fertilización en masas adultas. Ademais o último día estarán no Parque Natural de Fragas del Eume.

 

Obxectivo

O obxectivo do seminario é mellorar as relacións de cooperación entre España e os países do Magreb e Oriente Medio, a través da implementación de formas sostibles de uso do territorio como son os sistemas agroforestais, en especial os silvopastorais, tendo en conta aspectos de tipo produtivo, ambiental e socio-cultural. De feito, os participantes son profesores, investigadores e técnicos do ámbito Azahar da administración dedicados á xestión gandeira e forestal. O obxectivo é que sexan eles os encargados de transmitir a información aos seus países a través da educación.

Noticias relacionadas