A viguesa Pilar Ortega Pereiro, gañadora do XIX Certame de Narración Curta Ánxel Fole

A autora recibirá 4.000 euros pola obra, Principio de Incerteza, que será publicada por Edicións Xerais de Galicia 

Venres, 31 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O xurado do XIX Certame de Narración Curta Ánxel Fole, organizado polo Concello de Lugo, decidiu este venres outorgar o premio a Pilar Ortega Pereiro, residente en Vigo, pola obra Principio de Incerteza, presentada baixo o lema Annie Jump Cannon.

Os membros do xurado reuníronse esta tarde na Casa Consistorial baixo a presidencia, con voz e sen voto, da Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e como secretario o coordinador de Publicacións do Concello, Darío Xohán Cabana. O xurado estivo formado por Héctor Cajaraville Araújo, premiado na anterior edición do certame; Guadalupe López Rodríguez, escritora, coñecida literaria e socialmente como Lupe Bao Reixa; e Manuel Bragado Rodríguez, ensaísta, crítico e editor, director de Edicións Xerais de Galicia.

A entidade local convoca cada ano este premio para novelas breves ou libros de relatos, que nesta edición está dotado cun único premio de 4.000 euros, ademais da publicación da obra premiada a cargo da editorial Edicións Xerais de Galicia.

Noticias relacionadas