Vendidas máis de 7.000 entradas para o World Padel Tour en Lugo

A cidade acollerá a vindeira semana a competición número un a nivel internacional desta modalidade deportiva, na que participarán as 140 parellas mellor clasificadas en categorías masculina e feminina

Ademais da transcendencia deportiva, o evento supoñerá un forte retorno económico para a cidade, estimado en 1M€, e de difusión mediática

Venres, 31 de agosto de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal e Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, informou de que a día de hoxe están vendidas máis de 7.000 entradas para os partidos que se disputarán en Lugo do World Padel Tour, o evento deportivo de carácter internacional que acollerá por primeira vez a cidade a vindeira semana. “Seguimos cos preparativos da competición número un a nivel mundial desta modalidade deportiva, coa que colaboramos dende o Concello porque entendemos que, ademais da transcendencia deportiva que ten, pois reúne aos mellores palas de todo o mundo, unhas 140 parellas, vai a supoñer un gran retorno económico, estimado en 1M€, ademais da difusión mediática, que levará a imaxe de Lugo por todo o mundo”, subliñou o edil.

Unha mostra disto, explicou o Concelleiro, é que a día de hoxe foron vendidas máis de 7.000 entradas, “é dicir, máis de 7.000 persoas van vir a Lugo grazas ao World Padel Tour, co que iso supoñerá sobre todo para o sector servizos. E polos antecedentes deste torneo noutras cidades, sabemos que en torno ao 40% son persoas de fóra”. Outra mostra, engadiu, é o impacto en redes sociais: “Só a foto do stand que temos estes días no lateral do Concello, que está xerando unha forte expectación, recibiu máis de 64.000 visitas”, indicou.

Os partidos do WPT retransmitiranse, tanto a través da canle GOL TV, como vía streaming a través dunha canle propia, para todo o mundo. Só esta última acumulou 2 millóns de visualizacións no torneo do ano pasado. As redes sociais do circuíto contan así mesmo con medio millón de seguidores. Os asistentes en pista rondan os 200.000, dos cales se estima que en Lugo serán 10.000, un 40% deles de fóra da provincia. Así mesmo, o evento terá cobertura mediática en medios especializados e xeneralistas de ámbito nacional.

A organización do evento tamén ten un impacto laboral, coa contratación por parte da organización de 50 persoas como persoal auxiliar.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre o World Padel Tour en Lugo | Descargar mp3

Noticias relacionadas