A veciñanza de Paradai conta, dende hoxe, cunha nova zona de esparexemento na confluencia de Río Sil, Hórreo e Ferro Caaveiro

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, puxo hoxe á disposición da cidadanía o recinto coa vontade de mellorar a confortabilidade do barrio e ofrecer un novo punto de encontro para o descanso e a socialización.

A actuación, impulsada pola área de Medio Ambiente, foi executada en tres meses e contou cun investimento municipal de 48.373 euros.

Luns, 06 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A veciñanza de Paradai conta, dende hoxe, cunha nova zona de esparexemento na confluencia de Río Sil, Hórreo e Ferro Caaveiro

A rexedora de Lugo, Lara Méndez e o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, puxeron hoxe á disposición da veciñanza de Paradai unha nova zona de esparexemento coa que o Executivo local pretende humanizar esta parte da cidade, incrementando a súa habitabilidade.

O recinto, situado na confluencia das rúas Río Sil, Hórreo e Lucas Ferro Caaverio se constitúe como unha moderna e cómoda área de descanso que completa as dotacións xa existentes neste punto da capital.

“A nosa intención era a de contribuír á rexeneración deste barrio e dar resposta, ao mesmo tempo, ás demandas que nos traslada a cidadanía. De maneira que, mentres este novo emprazamento posibilita a socialización, estamos mellorando a imaxe da contorna nunha tripla vertente: urbanística, social e de servizos o que vai en consonancia co resto de accións que estamos a desenvolver no municipio, sempre coa finalidade de incrementar o confort dos espazos públicos para a poboación”, afirmou a alcaldesa.

Pola súa parte, o concelleiro de Medio Ambiente lembrou que “a actuación consistiu na creación dun percorrido peonil circular, cunha traza en planta semellante a un oito, que ofrece un banco continuo, de case 30 metros de lonxitude, coa mesma forma. Este conxunto, que posúe alén unha área axardinada, encerra unha gran árbore cuxa misión é a de proxectar sombra sobre a superficie d o asento que, igualmente, foi dotado de iluminación indirecta para achegar calidez nocturna” .

Miguel Fernández explicou que os labores, que tiveron un prazo de execución de tres meses, supuxeron un investimento municipal de 48.373 euros. “ Falamos dunha intervención que non foi moi onerosa pero que, pola contra, terá un gran repercusión, moi positiva, para a cidadanía”, concluíu o edil.

Multimedia

  • A veciñanza de Paradai conta, dende hoxe, cunha nova zona de esparexemento na confluencia de Río Sil, Hórreo e Ferro Caaveiro

Noticias relacionadas