Valoración de Lara Méndez sobre os primeiros 100 días de mandato

A alcaldesa fai unha lectura moi positiva pola cantidade de proxectos que, anteriormente consignados e avanzados, se pudieron executar nestes tres meses

Martes, 01 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, realizaba esta mañá unha valoración moi positiva dos cen días de mandato.

A rexedora sinalaba que, nestes primeiros tres meses a estabilidade de goberno permitiu que o seu executivo sacara adiante moitas iniciativas que xa estaban consignadas nos orzamentos de 2018 e posibilitou iniciar moitos proxectos que xa estaban avanzados, e que só precisaban poder dispoñer dunha partida económica para materializalos.

“Por exemplo, hai tan só unhas semanas esta Alcaldía presentou unha incorporación de remanentes superior aos 10 millóns de euros cos que agora se realizarán obras que anunciamos hai tempo como a humanización de Quiroga Ballesteros ou mesmo a execución dunha partida de máis dun millón de euros para mellorar a sinalización viaria da cidade”.

“Son obras, ás que nos comprometéramos hai tempo pero que foi nestes 100 primeiros días de mandato cando puidemos acometelas como, por exemplo, dentro da área de infraestruturas, a creación dunha rotonda na rúa Mar Cantábrico, para optimizar a ordenación da circulación nunha das maiores contornas educativas de toda Galicia como é o barrio da Piringalla na que xa durante os últimos catro anos desenvolvéramos outras medidas en prol da seguridade do alumnado como foi o calmado do tráfico”, explicou Lara Méndez.

“Tamén neste período ampliamos e melloramos o parque infantil de Albeiros e creamos outros novos nas Prazas de Bretaña e da Milagrosa”, engadiu.

“Nestes cen días, e en materia de accesibilidade, avanzamos igualmente – abondou a rexedora - na instalación dun ascensor no barrio do Sagrado Corazón para salvar un dos desniveis xeográficos máis importantes que presenta a capital, dando resposta así a unha vella demanda cidadá e suprimindo algunha das barreiras coas que aínda conta a cidade, dentro do compromiso que nos temos marcado de convertirnos en cidade cota cero”.

Lara Méndez destacou a importancia doutros logros obtidos dende o 15 de xuño como foi poñer a funcionar a e-administración, comezando por servizos tan transcendentais para os usuarios como son o rexistro xeral e o departamento de urbanismo, encargado da concesión de licenzas, pero coa pretensión de que todos os departamentos municipais poidan estar dixitalizados o antes posible.

“A finalidade é que o Concello de Lugo sexa unha institución áxil e eficaz, por iso ademais da modernización tecnolóxica que estamos levando a cabo incluímos a reducción á metade dos máis de 225 procedementos internos de tramitación administrativa cos que operábamos”, subliñou a alcaldesa.

“Porén, iniciamos as tarefas para dixitalizar a pegada dactilar dos empregados públicos, para proceder, a principios do ano que vén, ao control horario das e dos traballadores, e fornecemos as figuras do Interventor Xeral e da Vicesecretaria para que, dispoñendo de maiores competencias, os procesos de contratación de persoal se simplifiquen e, sobre todo, se axilicen”, indicou a rexedora.

“Pequenos pasos, dados en cen días que se artellan nun obxectivo claro: avanzar na segunda transformación da cidade e facer de Lugo un municipio de futuro, á vangarda en tódolos aspectos, sostible e respectuoso coa contorna, humanizado e habitable, pensada por e para as persoas e sempre coa meta nese obxectivo 100.000 que hai tanto tempo este goberno se marcou”, concluíu a alcaldesa.

Audio

  • Lara Méndez sobre os primeiros 100 días de mandato | Descargar mp3

Noticias relacionadas