A V Noite Aberta do comercio de Lugo contará coa participación de preto de 60 establecementos do centro da cidade

Xoves, 25 de setembro de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Esta actividade do comercio celebrarase o venres 3 de outubro entre as 17 e as 23 horas

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a Secretaria Xeral da Delegación da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, e as organizadoras, Nora Real e Marta López, da Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo, presentaron a V Noite Aberta que se celebra o próximo venres 3 de outubro.
Nesta edición participan preto de 60 establecementos do centro da cidade que entre as 17:00 e as 23:00 horas ofrecerán multiples descontos e actividades para todas as persoas que se acheguen. Como en edicións anteriores, na Praza Maior instalarase un photocall polo que desfilarán as modelos e que estará acompañado polo dj Marcos Magán.Todas as persoas que acudan a esta cita coa moda tamén poderán atoparse con demostracións de baile nos locais e pola rúa.
Carmen Basadre salientou que “xa é o quinto ano consecutivo que se convoca esta cita coa moda e co comercio de Lugo e que ten efectos moi positivos para o comercio xa que se dinamiza e atrae a compradores”. Neste sentido, tamén manifestou a importancia de darlle un impulso ao pequeno comercio que “realmente é o que da vida e crea emprego nestes momentos, e é importante que os lucenses saiban que se ofrece o mellor.”
Dende as 17 horas haberá música e artistas na Praza Maior que presentarán diferentes espectáculos entre os que estára o dj Marcos Magán. Ás 18 horas comezará o Gran Desfile de Moda presentado pola cantante Lucía Pérez  e no que os comercios ensinarán as tendencias de cara o outono-inverno. O Fin de festa será ás 23 horas co peche dos comercios e con máis música e sorpresas como explicou Marta López.
Pola súa parte, a Presidenta da Asociación de Autónomas e promotora da idea, Nora Real, confirmou que a noite estará chea de sorpresas tanto nas rúas como nos comercios que se sumen á iniciativa, e que, ó igual que o anterior ano, se identificarán cunha alfombra rosa situada diante dos seus locais.

Multimedia

Noticias relacionadas