A USC abre o mércores a matrícula con descontos do 50% no Campus de Lugo coas bolsas da Deputación

Así o informaron hoxe a Alcaldesa, o Presidente da Deputación e o Vicerreitor nun acto no que participaron 3 mozos beneficiados destas bolsas en anteriores convocatorias

Os prazos da matrícula nos que solicitar as prazas e os descontos do 50% en 10 titulacións no Campus de Lugo son: 21-23 de setembro, 11-14 e 19-21 de  outubro

Luns, 19 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A USC abre o mércores a matrícula con descontos do 50% no Campus de Lugo coas bolsas da Deputación

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o  Presidente da Deputación, Darío Campos, e o Vicerreitor da USC en Lugo, Javier Bueno, avanzaron este luns a posta en marcha da campaña Para estudar Lugo, que promociona o Campus lugués e Lugo como cidade universitaria. Fixérono con motivo da apertura deste mércores, 21 de setembro, dun novo prazo de matrícula da USC tras as probas de selectividade de setembro. Campos Conde destacou que “simultaneamente á apertura da matrícula, dende a Deputación volvemos a ofrecer, a primeiros estudantes en 10 titulacións do Campus de Lugo, as bolsas coas que custeamos o 50% do prezo da matrícula”.  

De feito, no acto tamén participaron dous dos mozos que, o ano pasado, se beneficiaron das becas do organismo provincial. Trátanse de Laura Fariña Rodríguez e Mario Gómez Novo, rapaces de Ourense e Lugo, respectivamente, que agora cursarán segundo de Enxeñería Forestal e do Medio Natural. Ambos os dous destacaron as vantaxes destas becas, pois facilitan ás familias o acceso universitario dos seus fillos ou a compra doutro material imprescindible para o curso académico. Entre o público estivo Iago Gallo, un lucense que comezará tamén a mencionada titulación e que resultou un dos beneficiados do desconto do 50% na matrícula logo do período da mesma en xullo.  

Datas e titulacións
Os tres últimos prazos de matrícula da USC son: 21-23 de setembro, 11-14 outubro e 19-21 outubro. As 10 titulacións no Campus de Lugo con bolsas da Deputación son: Grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais; Grao en Enxeñaría Civil; Grao en Enxeñaría en Xeomática e Topografía; Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria; Grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural; Grao en Lingua e Literatura Españolas; Grao en Ciencias da Cultura e Difusión cultural; Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos; Grao en Xestión de Pequenas e Medianas Empresas; e Grao en Administración e Dirección de Empresas. Ao mesmo tempo que se solicita a prazo nunha destas titulacións, pídese a bolsa da Deputación para aforrar a metade do custo da matrícula. Máis información en www.paraestudarlugo.com; www.deputacionlugo.gal e www.usc.es.

Vantaxes de estudar en Lugo
Para estudar Lugo pon en valor as vantaxes de estudar en Lugo. Algún deles son, apuntou o Presidente da Deputación, “a formación e a especialización que ofrece a USC lucense, a calidade de vida que ofrece a provincia luguesa ou os prezos no aluguer vivenda, que son os máis baixos de Galicia”.

A Alcaldesa fixo fincapé en Lugo como cidade universitaria e “na importancia da universidade no desenvolvemento da cidade, unha implicación que non debe quedar soamente na súa capacidade de formación ou investigación, senón que debe afianzarse en cuestións como o impulso do turismo, a capacidade cultural ou deportiva, ou a recuperación da historia. Nunca foi tan importante a universidade para Lugo. Trátase de que a mellor época da vida se viva en Lugo, que para moitos dos estudantes se converterá na súa futura cidade”, asegurou a rexedora ao tempo que agradeceu a posta en marcha desta medida tanto á Deputación como á USC, institucións coas que o Concello aproveitará as sinerxias e o traballo en común para o desenvolvemento económico, social e cultural da cidade. Para rematar, a rexedora convidou a todos os alumnos a vir estudar a Lugo, que á marxe do eido educativo ten moitas alternativas que ofrecerlles. Tamén os invitou a promover a cidade entre as súas amizades.

O vicerreitor destacou que “o Campus Terra da USC constitúe unha alternativa universitaria moi a ter en conta polos estudantes que están a piques de comezar os seus estudos de grao porque a sede universitaria luguesa é garantía de “máxima calidade” académica e científica, ao tempo que presenta as taxas de matrícula máis baratas de todo o panorama universitario español, grazas ao plan de achegas impulsado pola Deputación Provincial de Lugo e a USC.

Primeiros froitos
Para estudar Lugo enmárcase no Plan de Impulso do Campus lugués, que Deputación e USC puxeron en marcha no 2013 para promocionar a universidade lucense e Lugo como cidade universitaria. Á espera de coñecer os datos deste ano, que se coñecerán logo da matrícula de setembro, e avaliando, polo tanto, o número de novos estudantes do pasado curso académico, os primeiros froitos deste plan foron, entre outros, o incremento nun 10% da taxa de ocupación total da USC en Lugo ou en preto dun 20% nas 10 titulacións nas que a Deputación ofrece descontos do 50% no custo da matrícula.

Bueno fixo fincapé no fortalecemento da imaxe de Lugo como cidade universitaria, un feito obxectivo, dixo, que vén corroborado polo crecente número de programas da Universidade de Verán da USC que teñen lugar na cidade e noutras localizacións da provincia, así como polo cada vez maior número de congresos e reunións científicas que teñen como sede este campus. Basta citar o XII Congreso da Sociedade Española de agricultura Ecolóxica, que se celebra esta semana, ou as citas internacionais sobre migracións e refuxio en Europa e sobre novas perspectivas sobre a cidade romana que se celebrarán en outubro na Facultade de Humanidades

7 graos cubertos
Javier Bueno sinalou asemade que 7 títulos de grao impartidos no Campus Terra da USC (Veterinaria, Enfermaría, Nutrición e Dietética, Mestre en Educación Infantil, Mestre en Educación Primaria, así como os dobres graos de Mestre en Educación Infantil e Primaria e en Enxeñaría Agrícola, Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural) xa teñen cuberta ao 100% a súa oferta de prazas de novo ingreso.

Noticias relacionadas