Urbanismo traslada á Xunta de Goberno desta semana a licenza para construír un edificio de 17 vivendas na rúa Castelao

O inmoble de cinco alturas, que disporá tamén de planta baixa, garaxe, ático e trasteiros, ten un orzamento superior ao millón de euros

Martes, 19 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os números 50-52-54 da rúa Castelao deixarán de ser un soar deserto entre edificacións para converterse nun novo inmoble, destinado a uso residencial.

A área de Urbanismo trasladará mañá á Xunta de Goberno a concesión dunha licenza para construír neste predio un edificio de cinco plantas e ático que acollerá 17 vivendas, ademais de baixo, garaxe e trasteiros.

“A obra, cun prazo de execución de 30 meses, ten un orzamento de 1.074.000€ dentro do cal se inclúen varios traballos que implicarán unha mellora das condicións urbanísticas na vía pública”, indicou Miguel Couto.

O responsable de área sinalou que, “aínda que a parcela dispón dos servizos de abastecemento de auga potable, rede de saneamento e subministración de enerxía eléctrica e alumeado público, algúns deles atópanse nun estado verdadeiramente precario polo que os promotores deberán proceder á substitución das acometidas danadas, soterrando ademais todo o cableado existente e procedendo igualmente á eliminación dos postes que o soportan, de acordo co sinalado nas indicacións efectuadas dende o Servizo de Enxeñería, que supervisará a realización dos traballos”.

Así mesmo, na xuntanza desta semana o equipo de goberno daralle o visto bo a outras catro licenzas.

Unha delas, para realizar cambios nunha nave de gando vacún, sita en San Xoan do Campo, que cun presuposto total de 311.802’2€ quere modificar a distribución interior do anexo á mesma, dedicado a outros usos, sen variar nin a superficie nin o volume actual. As obras, que deberán rematar nun prazo de 18 meses, contemplan, entre outras actuacións, a eliminación da rampla interior da foxa de xurro, así como a diminución da altura da súa cuberta ou a execución dunha soleira de formigón no patio de exercicios ubicado na parte posterior das instalacións.

Do mesmo xeito, outorgaranse sendos permisos para, por unha banda, demoler parte da fachada sur dun taller de reparación de maquinaria agroforestal, en San Salvador de Muxa, no que ademais se pretende realizar unha nova distribución do resto da edificación, por valor de 80.550’40€ que deberá acometerse en 24 meses e, pola outra, para reformar e ampliar o baixo dunha nave no Parque Empresarial das Gándaras, eliminando a planta alta da mesma, cun importe de 66.209’55€, para o que se concede un prazo de doce meses.

Ademais será autorizada a instalación dun ascensor nun edificio de vivendas da rúa Illas Canarias, cun custo de 27.500€.

Noticias relacionadas