Urbanismo tramita en 21 días a licenza para que o IGVS mellore a seguridade estrutural do Pazo de Dona Urraca

Entre os asuntos abordados esta mañá polo equipo de goberno figuran varios parcelamentos e a autorización para construír unha explotación cabalar en Santa María de Bóveda

Mércores, 29 de xaneiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Urbanismo tramita en 21 días a licenza para que o IGVS mellore a seguridade estrutural do Pazo de Dona Urraca

Urbanismo tramitou en 21 días a licenza para que o Instituto Galego da Vivenda e Solo mellore a seguridade estrutural do Pazo de Dona Urraca, logo de que o IGVS presentase unha solicitude ao respecto o pasado 19 de decembro.

A intervención, iniciada xa durante a semana pasada pola Xunta de Galicia, consistirá, entre outras medidas, no apontoamento de vigas e apeo da fachada suroeste da edificación, na execución de dormentes de formigón armado, na disposición de elementos sutentantes de aceiro laminado así como na instalación dun canlón provisional de recollida de augas pluviais. Os traballos, que se poderán desenvolver nun prazo máximo de 9 meses, terán un custo de 13.971’15 euros.

Tamén, relacionado coa administración autonómica, o equipo de goberno aprobaba o parcelamento dun predio de 16.096 m² do Polígono das Gándaras, en dúas superficies, unha delas de 11.000 m² e a outra de 5.096 m², ámbalas dúas cun coeficiente de edificabilidade de 1 m²/ m².

Do mesmo xeito deuse o visto bo ao Obispado para que proceda á cubrición do patio de acceso ao polideportivo da súa propiedade sito nas instalacións do Seminario, logo de que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitise o pasado 4 de decembro o seu informe favorable á actuación. Unha obra que conta cun presuposto de 48.400 euros e un prazo de execución dun ano.

A orde do día da Xunta de Goberno desta mañá incluía tamén a concesión dunha licenza para a construción, en 30 meses, dunha vivenda unifamiliar en ringleira na rúa Armórica, orzamentada en 120.000 euros, logo de que os promotores aceptasen a cesión de terreos destinados a viais e efectuasen a mesma ante notario o pasado 21 de xaneiro. A obriga de reverter na administración pública esa pequena superficie conlevará, así mesmo, a substitución da tubaxe existente de fibrocemento por outra de fundición dúctil, o soterramento dos servizos de enxeñería eléctrica e telecomunicacións na fronte da parcela e o arranxo dos danos existentes na beirarrúa.

Outro dos asuntos abordados polo executivo local foi a autorización para crear unha explotación equina de pequena capacidade en Santa María de Bóbeda. O centro contará cunha edificación destinada ao cuidado e mantemento de cabalos, formada por unha nave de planta rectangular, distribuída en tres boxes para un máximo de cinco animais, vestiario e aseo, corredor, zona de baño para os équidos e almacéns de forraxe e arreos. O importe da obra ascende a 32.673’78 euros e o prazo de execución é de 18 meses.

Igualmente aprobouse o proxecto de partición, elaborado por Evislusa, do predio de titularidade municipal M1, do sector SUR – K (San Fiz) no que se procede á súa división en dous terreos un de 1.200 m² e outro de 4.672 m², cunha edificabilidade de 1.205’92 m² e 6.567’80 m², respectivamente.

Finalmente desestimouse o recurso presentado por un particular contra unha resolución adoptada en xullo de 2019 pola que se resolvía revogar a licenza de apertura concedida para a actividade de café bar na rúa Avia, tendo en conta que, pese a subsanar algunhas das deficiencias detectadas no local na data referida, as instalacións seguen sen axustarse ás condicións da autorización outorgada.

Audio

  • O edil de Urbanismo, Miguel Couto, sobre a licenza do Pazo de Dona Urraca| Descargar mp3

Noticias relacionadas