Urbanismo organiza este xoves unha xornada informativa sobre as axudas á rehabilitación de vivendas destinadas a residencia habitual no Casco Histórico

A charla, impartida por persoal técnico de Evislusa, terá lugar ás sete da tarde na Sala de Usos Múltiples do edificio de Novas Tecnoloxías

Martes, 10 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Este xoves, 12 de decembro, o persoal técnico de Evislusa ofrecerá unha charla explicativa sobre as axudas á rehabilitación de vivendas destinadas a residencia habitual no Casco Histórico, logo de que hoxe comezara o prazo de presentación de solicitudes que será dun mes.

A xornada, dirixida a todos os particulares e colectivos interesados na convocatoria terá lugar ás sete da tarde na Sala de Usos Múltiples do edificio de Novas Tecnoloxías.

O Concello de Lugo vén de poñer a disposición unha partida de 233.584’45 euros para a décimo quinta fase destas axudas para a rehabilitación do ARRI do Casco Histórico de Lugo coas que se poderán financiar ate unha vintena de intervencións como a reparación de cubertas, da carpintería exterior, das escaleiras, portal, rexerías, tratamentos de fachada, medianeiras ou chemineas así como melloras da accesibilidade, adopción de sistemas de aforro enerxético ou o propio mantemento do inmoble cando estea afectado por algunha patoloxía estrutural, etc...

Dende a área de Urbanismo convídase a toda a cidadanía a acudir ao acto, que será aberto ao público e no que se ofrecerán indicacións técnicas do procedemento que regula a concesión das achegas, que este ano conta con modificacións importantes como o incremento do importe ou dos requisitos esixidos para favorecer a participación e acadar un maior número de beneficiarios.

Así, a contía máxima das mesmas increméntase ata alcanzar o 40% do custo subvencionable, cun tope máximo de 12.000€ por axuda, aínda que excepcionalmente esta porcentaxe máxima poderá ampliarse até o 75% se os ingresos da unidade de convivencia da persoa propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente son inferiores a tres veces o IPREM. Esta mesma porcentaxe aplicarase cando se acometan intervencións para a mellora da accesibilidade e se acredite que existen na devandita unidade persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos. Ademais, as subvencións deste programa serán compatibles con calquera outra axuda pública sempre e cando a suma de todas non supere o custo total da actuación concreta, salvo algunha excepción recollida nas bases.

Noticias relacionadas