Urbanismo insta á Xunta a fixar a data das visitas ao Auditorio tras aprobar hoxe o proxecto reformado e o do equipamento das instalacións

O edil, Miguel Couto, sinala que as comprobacións in situ que realicen os técnicos son determinantes para axilizar a recepción da dotación cultural

Mércores, 15 de xaneiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Urbanismo insta á Xunta a fixar a data das visitas ao Auditorio tras aprobar hoxe o proxecto reformado e o do equipamento das instalacións

O concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, instaba hoxe ao executivo autonómico a fixar “canto antes” as visitas ao novo Auditorio logo de que a Xunta de Goberno Local aprobara esta mañá o proxecto reformado do mesmo así como o do equipamento do inmoble.

“No informe elaborado polos técnicos municipais – explicou o edil - atopáronse pequenas disfuncións relacionadas, algunhas delas, coas zonas verdes e o axardinamento do recinto así como un pequeno desaxuste das aliñacións respecto ao límite da parcela. Aspectos, ámbolos dous, que deberán ser corrixidos pero que xa serán verificados posteriormente sobre a obra executada polo que, salvo este aspecto, agora mesmo, o que urxe é comezar, á maior brevidade posible, as visitas correspondentes para comprobar que o estado no que se atopa a infraestrutura se adecúa aos proxectos aprobados co fin de garantir que a recepción do edificio se realiza nas condicións adecuadas, evitando que queden aspectos inconclusos ou opacos que supoñan un prexuízo, a longo plazo, para o conxunto da veciñanza”.

Miguel Couto lembra que, tal e como fora acordado na primeira Comisión de Seguimento, celebrada a finais do ano pasado, “estableceuse que, para proceder á entrega do inmoble, resultaba imprescindible contar co visto bo dos departamentos de enxeñería, electromecánicos, informática, parques e xardíns e arquitectura”.

“A nosa vontade segue sendo a de recibir canto antes o Auditorio para poñelo ao servizo de toda a cidadanía, 15 anos despois de anunciarse a súa construción, para o que, dende a administración local, continuamos a manter tamén o noso compromiso de axilizar a tramitación precisa”, abondou o concelleiro de Urbanismo quen tamén sinalou que, entre os pasos pendentes, figura a celebración dunha xornada de formación do persoal municipal para o manexo dos equipamentos que, finalmente, terá lugar o próximo 21 de xaneiro”.

Por outra banda, na reunión desta mañá o equipo de goberno procedía a autorizar a designación dos membros do tribunal cualificador do proceso selectivo para o acceso en propiedade dunha praza de enxeñeiro de camiños, en quenda de promoción interna así como a renovación da prórroga da comisión de servizos do xefe do Parque Móbil municipal.

Audio

 

Noticias relacionadas