Urbanismo e o Colexio de Arquitectos abordan a mellora dos protocolos administrativos para axilizar a concesión de licenzas

“A reunión foi fructífera e moi cordial e existe un compromiso mutuo para repetila periodicamente co fin de traballar de xeito conxunto e coordinado”, afirmou Miguel Couto

Xoves, 01 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Urbanismo e o Colexio de Arquitectos abordan a mellora dos protocolos administrativos para axilizar a concesión de licenzas

O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, mantivo esta semana un encontro con profesionais da arquitectura. Unha reunión á que acudiron unha vintena  de colexiados e que o concelleiro cualificou de “satisfactoria e moi produtiva, en tanto nos permitiu identificar problemáticas e abordar a mellora dalgúns aspectos relacionados coa tramitación de licenzas co fin de acelerar a súa concesión”.

Así, Miguel Couto referiu que un dos asuntos que se tratou foi o de axilizar as consultas presenciais, a maioría relacionadas co planeamento urbanístico da cidade. “Citas, que por mor do protocolo COVID, se concentran só nun día da semana e que, a partir de agora, se concederán con maior premura debido a que xa rematou o período estival e o persoal se reincorporou aos seus postos de traballo logo das vacacións”.

Eido público e privado coindiron tamén na necesidade de seguir perfeccionando o funcionamento da sede electrónica e das plataformas dixitais e propiciar unha maior dilixencia dos protocolos administrativos. “Un obxectivo ao que todos debemos contribuír” – sinalou o concelleiro – e para o que instou ao colectivo a mellorar a calidade da documentación técnica coa que acompaña os seus proxectos.

“Nunha análise realizada ao conxunto de propostas que se elevaron á Xunta de Goberno Local durante a primeira parte do ano, pódese extraer que máis do 34% das mesmas requiriron entre 3 e 6 rectificacións ou aportacións de documentación complementaria. O que evidencia que os atrasos na súa concesión non sempre son atribuíbles ao funcionamento do Concello, senón que entran en xogo moitos factores que condionan o proceso e, polo tanto, os prazos, como pode ser a excesiva tardanza dos promotores ou particulares en dar resposta ás notificacións municipais”, lembrou Couto.

O responsable de Urbanismo Sostible avanzou tamén que o seu departamento traballa na unificación de criterios interpretativos ao respecto do PXOM, “co fin de homoxeneizar pareceres en torno a un mesmo contexto normativo” e concluíu valorando a xuntanza como “cordial e moi positiva, na que se puxo de manifesto o compromiso mutuo de repetila periodicamente para desenvolver un labor conxunto e coordinado en prol do interese xeral”.

Audio

  • O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre a reunión co Colexio de Arquitectos | Descargar mp3

Noticias relacionadas