Urbanismo avanza na creación da Rolda Interior da Muralla coa limpeza de varias parcela en Clérigos

Os traballos, que se desenvolverán na xornada de hoxe, inclúen a roza de dous soares municipais e un intermedio de titularidade privada, logo de chegar a acordo cos propietarios para a súa cesión

O Concello continúa, así, coa folla de ruta establecida polo goberno de Lara Méndez, para recuperar este espazo para a cidadanía poñendo, ademais, en valor o patrimonio local

Martes, 30 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Urbanismo avanza na creación da Rolda Interior da Muralla coa limpeza de varias parcela en Clérigos

A área de Urbanismo Sostible avanza na creación do paseo interior da Muralla.

Esta mañá operarios do servizo de limpeza accedían ao predio a través dun inmoble da rúa Clérigos para acometar a roza e acondicionamento de dúas parcelas municipais e outra intermedia de titularidade privada.

“Os traballos, que se prevé rematen xa nesta mesma xornada, consistirán na retirada de toda a maleza que foi crecendo no terreo. En total, unha extensión de 913 m², aproximadamente, sobre a que, a continuación, queremos proceder a un levantamento topográfico co fin de recuperar este treito do monumento para abrilo ao público”, explicou o edil.

Miguel Couto sinalou que, deste xeito, “o Concello continúa coa folla de ruta establecida polo goberno de Lara Méndez para incorporar a rolda interior ao patrimonio inmaterial da cidade e facelo accesible a toda a veciñanza ao mesmo tempo que se pon en valor”.

O concelleiro quixo destacar igualmente a boa acollida que esta iniciativa municipal tivo entre os propietarios das edificacións situadas ao carón do monumento bimilenario. “De feito, a intervención de hoxe pode executarse logo de chegar a un principio de acordo cos donos do soar que deron a súa conformidade á posterior cesión do mesmo co fin de incorporalo ao espazo público”.

“Temos que salientar que, pola súa parte, a receptividade é máxima e están sendo todo facilidades para que poidamos continuar progresando na materialización do proxecto que posibilitará non só camiñar polo adarve da Muralla senón tamén circular polo seu envés entre porta e porta”, subliñou.

Miguel Couto trasladou asemade que o seu departamento está, tamén, a planificar o deseño doutras unidades de intervención nas que se prevé levar cara a construción romana zonas verdes e dotacionais como pode ser o caso da bolsa de chan situada entre a Tinería e o hospital Ollos Grandes.

Audio

  • O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre a limpeza da parcela na Rolda interior I | Descargar mp3
  • O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre a limpeza da parcela na Rolda interior II | Descargar mp3

Noticias relacionadas