Urbanismo autoriza actuacións de mellora en catro inmobles da Tinería

Miguel Couto pon de manifesto que os permisos se concederon en tan só un mes dende que foron solicitados polo IGVS

Martes, 24 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O edil de Urbanismo Sostible anunciaba hoxe que vén de asinar catro decretos autorizando ao Instituto Galego de Vivenda e Solo sendas intervencións noutros tantos edificios catalogados do Casco Histórico que contan con especial protección ao estar asentados no Burgo Medieval.

Trátase de actuacións para proceder á pintura exterior da galería nos inmobles número 20 e 22 da Tinería, da fachada do edificio número 46 desta rúa e da planta baixa do número 9 da Travesía do Miño, para as que se establece un prazo de execución de seis meses.

Miguel Couto destacaba a dilixencia coa que o servizo de Licenzas tramitou estes expedientes que entraron no rexistro o 13 de agosto e, sendo mes inhábil, se outorgaron o 20 de setembro.

“A dixitalización dos procesos está a dar xa os seus primeiros froitos, como así se desmostra en que o outorgamento dos permisos non se viu afectado polo período vacacional. E non só iso, cremos que a dilixencia amosada pon de manifesto que o compromiso deste Concello é firme non só cos proxectos anunciados e iniciados polo goberno local senón tamén cos desenvolvidos por outras administracións na nosa cidade”, sinalou o concelleiro de Urbanismo.

Noticias relacionadas