Uns 400 veciños e veciñas de Lugo secundan a concentración en repulsa dos atentados de Barcelona e Cambrils

A Alcaldesa enviou unha carta de condolencia e solidariedade do pobo lucense á rexedora barcelonesa

Venres, 18 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Uns 400 veciños e veciñas de Lugo secundan a concentración en repulsa dos atentados de Barcelona e Cambrils

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada por membros da Corporación Municipal e deputados do Parlamento galego e nacional, participou este venres na concentración que tivo lugar diante da Casa Consistorial para gardar un minuto de silencio en repulsa polos brutais atentados ocorridos en Barcelona e en Cambrils, e en solidariedade e afecto cara as vítimas e os seus familiares. A este acto sumáronse uns 400 veciños e veciñas, na que foi a concentración deste tipo máis concorrida das celebradas nos últimos anos na cidade.

A Alcaldesa mostrou a súa rotunda condena ante estes atentados. “Estamos nun día moi triste por esta tráxica noticia e sentímonos moi solidarizados con Barcelona, unha cidade coa que temos moitos vínculos e moi fortes, pois todos temos alí algún familiar ou amigo”, asegurou Lara Méndez, quen resaltou así mesmo os lazos intensos e históricos coa Asociación de Amigos do San Froilán.

A rexedora enviou unha carta de condolencia e solidariedade do pobo lucense á Alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, na que traslada en nome propio, da Corporación e da veciñanza lucense “desexos de recuperación física e emocional” ao pobo de Barcelona, ademais de expresar o recoñecemento a todas as persoas que se volcaron en axudar ás vítimas e colaborar cos corpos e forzas de seguridade na procura da detención dos terroristas.

Así mesmo, as bandeiras da casa consistorial permanecen a media hasta dende esta mañá e ata o vindeiro domingo.

 

Audio

Multimedia

  • Uns 400 veciños e veciñas de Lugo secundan a concentración en repulsa dos atentados de Barcelona e Cambrils

Noticias relacionadas