Unicef recoñece o traballo do Concello de Lugo na protección da infancia

Mércores, 17 de outubro de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Servizos Sociais expresa a satisfacción do Goberno local por este importante recoñecemento que se concedeu a Lugo

A cidade de Lugo acaba de ser distinguida pola organización das Nacións Unidas para a protección da infancia Unicef cunha mención especial polo traballo que está a desenvolver o Concello na defensa dos nenos e das nenas.

A concesión desta distinción ó Concello de Lugo acordouse onte no marco do programa Cidades Amigas da Infancia. O Xurado que tomou a decisión estivo formado por un membro de cada unha das entidades do Programa Cidades Amigas da Infancia: Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, FEMP, IUNDIA (Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia) e UNICEF, así como por catro expertos de recoñecido prestixio nacional e internacional no campo da infancia: Josep Muntañola Thornberg, catedrático emérito de Arquitectura da Universidade Politécnica de Barcelona; Fidel Revilla González, profesor de Educación Secundaria, presidente de Acción Educativa e experto en participación infantil no ámbito local español; José Antonio Corraliza, catedrático de Psicoloxía Ambiental da Universidade Autónoma de Madrid; Miguel Ángel Ruiz, profesor titular de Metodoloxía da Universidade Autónoma de Madrid; Esperanza Ochaíta, catedrática de Psicoloxía Evolutiva da Universidade Autónoma de Madrid e Carlos Becedóniz Vázquez, coordinador do Observatorio da Infancia e a Adolescencia do Principado de Asturias.

A entrega do recoñecemento terá lugar o día 9 de novembro en Málaga.

A Concelleira de Servizos Sociais, Ana González Abelleira, manifestou hoxe “a satisfacción do Goberno local por este recoñecemento que nos fai Unicef, que nos concedeu unha mención especial pola calidade do Plan de Infancia que estamos a desenvolver” e sinalou que esta distinción ó Concello de Lugo “é consecuencia do traballo que se leva facendo durante os últimos anos, coa colaboración de todas as concellerías e a implicación dos traballadores na protección dos dereitos da infancia”.

González Abelleira considerou que “se trata dun orgullo e, sobre todo, dun estímulo para seguir avanzando na defensa dos dereitos dos nenos e das nenas de Lugo”. Neste sentido, a Concelleira de Servizos Sociais indicou que os pequenos lucenses dispoñen de canles para facer chegar ó Concello as súas suxestións e demandas como son os buzóns da Infancia situados nas Ociotecas e Centros sociais, así como na páxina web municipal www.lugo.es.

Para a Concelleira de Servizos Sociais, esta distinción supón un primeiro paso para acadar a declaración de Lugo como Cidade Amiga da Infancia.

Plan integral municipal de infancia e adolescencia de Lugo

 

Noticias relacionadas