Unha xornada demoday amosa os proxectos empresariais de 20 emprededores lucenses dentro do plan Inicia Coworking

Ana Prieto, Sonsoles López e Roberto Touza saudaron ás persoas asistentes á xornada, coa que se clausurou a primeira fase do programa desenvolto nas instalacións do CEI Nodus durante os últimos cinco meses

Segue aberto o prazo para anotarse na segunda convocatoria deste plan, da que poderán beneficiarse outros 20 emprendedores, a través da web www.lugo.gal ata o 23 de xuño

Xoves, 08 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Unha xornada demoday amosa os proxectos empresariais de 20 emprededores lucenses dentro do plan Inicia Coworking

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López, e o mentor desta iniciativa, Roberto Touza, saudaron este xoves no MIHL ás persoas asistentes á xornada demoday, na que os vinte emprendedores lucenses amosaron os seus proxectos empresariais, levados a cabo dentro do plan de apoio ao emprendemento Inicia Coworking.

Ana Prieto subliñou que “para o Concello o emprego é algo fundamental, ao igual que apoiar a cultura do emprendemento, que é de vital importancia para o tecido socioeconómico do noso municipio”. A edil tamén fixo mención a outras medidas a favor da empregabilidade levadas a cabo pola entidade local, como o plan de emprego 100% municipal, (Con) trato feito!, os obradoiros Emprega-TIC, ou Plan Mellora Lugo, entre outras iniciativas.

Pola súa banda, Sonsoles López lembrou que “a Deputación, a través da Fundación TIC, colaborou con este proxecto coa gravación dun vídeo promocional desta primeira edición, onde os protagonistas foron os 20 emprendedores participantes”. Tamén destacou a importancia de apoiar aos emprendedores e ás PEMES, que xeran o 70% do emprego no país.

Nesta xornada todos os emprendedores expuxeron ante o tecido empresarial os seus proxectos, o que lles supuxo unha plataforma de lanzamento fundamental, e que contou coa presenza do prestixioso economista Emilio Duró, que ofreceu a conferencia de motivación Non vale renderse.

Deste xeito, clausurouse a primeira fase deste plan, que se desenvolveu nas instalacións do CEI Nodus durante os últimos cinco meses, permitindo poñer en marcha un total de 20 proxectos, a maior parte deles relacionados coas novas tecnoloxías, turismo e consultoría.

Ademais, segue aberta a segunda convocatoria do Inicia Coworking, da que se beneficiarán outros 20 emprendedores. As persoas interesadas poden solicitar a súa participación a través da páxina web do Concello, www.lugo.gal, ata o vindeiro 23 de xuño. O próximo ano abriranse dúas convocatorias máis, coas que se ofrecerá apoio a outros 40 emprendedores.

O programa Coworking, totalmente gratuíto para as persoas beneficiarias, enmárcase na aposta do Goberno local pola empregabilidade de calidade no municipio. Ten un orzamento conxunto de 800.000 euros, para o que a EOI achega o 80%, é dicir, 640.000 euros, que á súa vez proceden do Fondo Social Europeo, e o Concello o 20% restante, 160.000 euros de fondos propios, 40.000 en cada unha das catro edicións.

 

Multimedia

  • Unha xornada demoday amosa os proxectos empresariais de 20 emprededores lucenses dentro do plan Inicia Coworking

Noticias relacionadas