Unha xornada abordou hoxe a conservación e o destino do Cuartel de San Fernando, onde o Concello está a realizar obras

A iniciativa foi inaugurada esta mañá no Pazo de San Marcos pola Alcaldesa, a Deputada de Cultura e o Presidente da Asociación Lugo Patrimonio

Para a rexedora é unha necesidade converter o Cuartel de San Fernando en Museo da Romanización, polo que suporía para o desenvolvemento cultural e turístico dunha cidade “que cree que o turismo xoga un papel fundamental”

Venres, 14 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Unha xornada abordou hoxe a conservación e o destino do Cuartel de San Fernando, onde o Concello está a realizar obras

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García, e o Presidente da Asociación Lugo Patrimonio, Adolfo de Abel Vilela, inauguraron este venres no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a Xornada de información e debate sobre a conservación e destino do Cuartel de San Fernando.

Para a Alcaldesa de Lugo é unha necesidade converter o Cuartel de San Fernando en Museo da Romanización de Galicia, polo que suporía para o desenvolvemento cultural e turístico dunha cidade “que cree que o turismo xoga un papel fundamental”. Así o manifestou a rexedora esta mañá na inauguración da xornada sobre o estado deste edificio, a quen lle agradeceu a asociación a posta en marcha desta iniciativa, “que contribúe a manter o que nos enriquece como cultura, o patrimonio”.

Méndez lembrou as obras que o Concello está realizando no cuartel, “para protexer este patrimonio e para asegurar a súa conservación e que non se dane a súa estrutura”, tras asinar un convenio coa Xunta de Galicia duns 190.000 euros, cofinanciados nun 50% polas dúas institucións. Nesta liña, a Alcaldesa fixo fincapé na existencia dun protocolo de actuación entre a entidade local e a autonómica, asinado no 2008, para o seu desenvolvemento, “que aínda non se levou a cabo, pero ao que non podemos renunciar”, posto que as inversións se poden facer por etapas, dedicando partidas anuais á súa rehabilitación.

Así mesmo, manifestou o deber moral de todas e cada unha das administracións, “aínda que unhas teñan máis responsabilidades que outras, polo que cada ten que asumir a parte que lle corresponde”, de protexer, conservar e pór en valor o patrimonio, como neste caso este edificio emblemático da cidade, que naceu no século XVIII como hospital de inválidos, e que no 2009 pasaba a ser declarado como Ben de Interese Cultural, “polo que non só é patrimonio da cidade de Lugo, senón que a Xunta de Galicia pasa a ter competencias no seu mantemento e conservación”.

García Porto subliñou que “todas as administracións temos a obriga de pór en valor o patrimonio público. Creo que debemos sumar esforzos para facelo máis público se cabe, buscando o mellor servizo para os nosos veciños. Por este motivo, dende a Deputación e o Concello de Lugo non dubidamos nin un só intre a nosa colaboración na organización desta xornada, sumando esforzo con todos vós”.

Durante toda a xornada participaron doutores en Xeografía e Historia, arquitectos, museólogos, e representantes de asociacións culturais lucenses, que aportaron o seu punto de vista da situación actual do edificio.

Programación

  • Ás 11:00 horas.- Conferencia de Adolfo de Abel Vilela, Doutor en Xeografía e Historia, Presidente de Lugo Patrimonio."O Hospital de Inhábiles e cuartel de San Fernando. Orixe e destino". Presenta JuliaCantalapiedra Álvarez
  • Ás 12:30 horas.- Alberte González Rodríguez, Jorge Salvador Fernández, arquitectos, e Felipe Senén López, museólogo."O que non se debe facer nun edificio BIC. Ideas e propostas para a rehabilitación do Cuartel de San Fernando para Museo Arqueolóxico". Presenta Adolfo de Abel Vilela
  • Ás 17:00 horas.- Mesa redonda con representantes das asociacións culturais LugoPatrimonio, Asociación de Antigos Alumnos da Escola de Arte Ramón Falcón, Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, Orfeón Lucense, Asociación de Amigos do Castro de Viladonga e o Club Cultural Valle Inclán e Abre la Muralla. Presenta e modera a Vicepresidenta da Asociación LugoPatrimonio Branca Rodríguez Pazos
  • Ás 18:30 horas.- Felipe Arias Vilas, museólogo."Como debe ser o Museo Arqueolóxico Galaico Romano". Presenta Carolina Casal Chico
  • Ás 20:00 horas.- Lectura das conclusións e clausura da xornada pola Deputada de Cultura da Deputación Provincial

Lugo Patrimonio

Os obxectivos da asociación Lugo Patrimonio son a defensa, promoción e uso do idioma galego no camiño da súa normalización; a defensa do patrimonio material e inmaterial recollido este no seu sentido máis amplo e dentro do territorio da provincia de Lugo; a
promoción e realización de actividades encamiñadas á súa divulgación e xeral coñecemento.

Ademais unha das finalidades de Lugo Patrimonio, é a búsqueda de solucións e proxectos que axuden a resolver o esquezo e deterioro do patrimonio.Ao ter carácter provincial, a asociación realiza actos por toda a provincia en colaboración, sempre, coas entidades locais, de tipo cultural, de defensa do patrimonio ou calquera outro, que estean interesadas na difusión e conservación do patrimonio.

Noticias relacionadas