Unha unidade móbil informará o luns aos lucenses na Praza Maior das vantaxes da rehabilitación enerxética de vivendas

A iniciativa forma parte do programa Reacciona 2020, impulsado pola asociación de empresarios da construción e a Deputación co obxectivo de fomentar a creación e consolidación de emprego no eido da rehabilitación de vivendas

A Alcaldesa, xunto á Deputada provincial de Economía e o presidente da APEC animaron aos lucenses a pasar polo bus informativo, aberto de 11:00 a 18:00 horas, para coñecer as oportunidade e aforro que supón a rehabilitación eficiente

Hipólito Trinidad asegurou que é economicamente rendible a rehabilitación de 10.822 edificios de vivendas na cidade de Lugo, actuacións que crearían 7.700 empregos e evitarían a emisión de 94 toneladas de CO2 á atmosfera

Venres, 22 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Unha unidade móbil informará o luns aos lucenses na Praza Maior das vantaxes da rehabilitación enerxética de vivendas

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto á Deputada provincial de Economía, Recadación, Facenda e Especiais de Contas, Pilar García Porto, e o presidente da Asociación Provincial de Empresas da Construcción (APEC), Hipólito Trinidad, informou este venres de que a cidade acollerá o vindeiro luns unha unidade móbil que informará aos veciños e veciñas das vantaxes e oportunidades que ofrece a rehabilitación segundo criterios enerxéticos. O bus informativo estará situado ao fondo da Praza Maior, de 11:00 a 18:00 horas.

A iniciativa forma parte do programa Reacciona 2020, impulsado pola APEC e a Deputación de Lugo co obxectivo de fomentar a creación e consolidación de emprego no eido da rehabilitación de vivendas.

Lara Méndez, xunto a García Porto e Trinidad, animaron aos lucenses a achegarse o luns á unidade móbil para coñecer da man de técnicos especializados as oportunidades e aforro que supón a rehabilitación sostible. O bus leva percorridos 18 municipios da provincia, onde recibiu preto de 300 visitas.

A rexedora puxo en valor o proxecto de APEC e Deputación para revitalizar o sector da construción a través da rehabilitación baseada na eficiencia enerxética e o urbanismo sostible, un obxectivo que comparte o Concello, materializado na propia organización das áreas municipais, coa creación da Concellería de Desenvolvemento Sostible, que une urbanismo e medio ambiente para conseguir un crecemento equilibrado e racional. Méndez lembrou tamén que a entidade local ten en marcha, entre outras actuacións, a 14ª fase da Área de Rehabilitación do Casco Histórico, que prima a eficiencia enerxética e a accesibilidade, e o programa Life, Lugo+Biodinámico, encamiñado a impulsar un urbanismo sostible e un mellor aproveitamento da riqueza forestal co fin de utilizar a madeira como elemento estrutural construtivo e de rehabilitación.

O éxito en cifras

Pola súa banda, a Deputada de Economía, ademais de explicar as liñas de actuación do programa 2020, deu conta do “éxito acadado” polo mesmo dende a súa posta en marcha, en maio de 2015: a páxina web tivo 3.400 usuarios e recibiu máis de 15.400 visitas; o servizo de atención telefónica da APEC atendeu 750 chamadas; os técnicos realizarán 160 visitas a obras da provincia informando sobre o proxecto e os servizos que ofrece, así como as posibilidades de negocio e traballo da rehabilitación enerxética; máis de 350 persoas participaron nas 10 xornadas técnicas celebradas ata o de agora, en Lugo, Barreiros e Monforte; e 145 alumnos recibiron máis de 7.500 horas de formación en técnicas de construción enerxética.

O presidente da APEC agradeceu á Alcaldesa e á Deputación “a súa implicación e apoio” ao proxecto Reacciona 2020, que, tal e como lembrou, arrancou en maio de 2015 coa firma dun convenio entre a asociación e o organismo provincial co fin de fomentar a rehabilitación sostible de vivendas a través da rehabilitación en materia de eficiencia enerxética.

Potencial da rehabilitación en Lugo

Hipólito Trinidad informou de que dos 14.820 edificios de vivenda que existen na cidade de Lugo, 11.837 son anteriores ao Código Técnico, que data do 2006, co que precisan rehabilitación, e deles, a rehabilitación é economicamente rendible en 10.822. “Se conseguimos este obxectivo estimamos que se crearán 7.700 empregos na cidade de Lugo e se deixarán de emitir 94 toneladas de CO2 á atmosfera”, subliñou o presidente da APEC.

Noticias relacionadas