Unha nova xornada de comercio na rúa volve en maio a Lugo

Carmen Basadre, Sonsoles López, e Marta López presentaron a décimo cuarta edición do Street Market, que se celebrará o martes, 14 de maio, dende as 10:30 horas nuns 90 establecementos dunhas 20 rúas e prazas da cidade

Venres, 10 de maio de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Unha nova xornada de comercio na rúa volve en maio a Lugo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López, e a presidenta da Asociación de Autónomas de Lugo, Marta López, anunciaron este venres, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, unha nova edición do Street Market. Concretamente a décimo cuarta, que se celebrará o vindeiro martes, 14 de maio, nuns 90 establecementos comerciais de todos os sectores, que sacarán as súas mercadorías á rúa, e que se poderán atopar nunhas 20 rúas e prazas da cidade, principalmente do casco histórico.

Na presentación, Carmen Basadre puxo en valor a importancia de comprar en Lugo, un acto que ten como obxectivo "apoiar o noso comercio, o de proximidade, de apoiar ás mulleres, porque a maioría dos establecementos está rexentado por mulleres". Tamén subliñou a importancia desta cita para o conxunto da cidadanía, xa que sae beneficiada de descontos, beneficio que se trasfire ao comercio, pois vende o seu stock. Basadre, quen destacou a profesionalidade dos comercios de Lugo, chamou á participación nesta nova edición do Comercio na rúa.

Nesta liña insistiu Sonsoles López, quen felicitou a actividade da Asociación de Autónomas ano tras ano, e iniciativa tras iniciativa; fundamental para dinamizar o sector do comercio, incluso para adornar as rúas de Lugo.

Marta López, que agradeceu a colaboración da entidade local e provincial, así como da Federación de Comercio e a todo o colectivo deste sector, deu a coñecer que nesta xornada comercial haberá roupa de muller e de home, nenas e nenos, de deporte; calzado infantil e de adulto, lencería, bisutería, xoiería, peletería e roupa do fogar, entre outros artigos dos que se poderán mercar o vindeiro martes nas rúas, con descontos de ata o 80%, en horario ininterrompido, de 10:30 a 21:00 horas.

A cooperación e a estreita colaboración entre o Concello, a Deputación de Lugo, que colabora a través da Fundación TIC, a Federación de Comercio e a Asociación de Autónomas, fan posible este tipo de iniciativas que benefician ao comercio local de Lugo.

Audio

Noticias relacionadas