Unha gran estrutura cubrirá o parque infantil de Augas Férreas, que se renova e amplía con máis xogos, aumentando un terzo a súa superficie

Lara Méndez anunciou a obra, que será aprobada na Xunta de Goberno Local de mañá, na que se investirán 200.000 euros e que terá un prazo de execución de catro meses e medio

Instalarase un rocódromo para nenos de 5 a 8 anos, dunha altura total máxima de 3 metros, e un novo pórtico triplo, con asentos inclusivos e tamén para bebés

Álvaro Santos sostivo que “apostamos por mellorar os espazos públicos, onde a veciñanza se relaciona, porque ese é o modelo de cidade aberta e sostible pola que traballamos”

Martes, 20 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Unha gran estrutura cubrirá o parque infantil de Augas Férreas, que se renova e amplía con máis xogos, aumentando un terzo a súa superficie

O Concello de Lugo investirá 200.000 euros na renovación, ampliación e dotar de cuberta ao parque infantil de Augas Férreas. A alcaldesa, Lara Méndez, anunciou este novo investimento acompañada do edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos. “Na Xunta de Goberno Local deste mércores aprobaremos a licitación dos traballos para a mellora e cubrición desta área de xogos infantís, co obxectivo de modernizar esta dotación pública municipal moi empregada polos veciños e veciñas do barrio como zona de encontro e de lecer para os nenos e nenas”, apuntou.

A rexedora subliñou que “este será o terceiro parque infantil cuberto da cidade, o que permite que poidan usarse de xeito máis cómodo polos nenos e nenas durante todo o ano e facilitará o seu mantemento e conservación, pois quedará resgardado da choiva e demais inclemencias meteorolóxicas”. Os outros parques cubertos están na praza Agro do Rolo, que realizou o goberno local de Lara Méndez no pasado mandato, e o que se sitúa a carón do Pazo de Feiras e Congresos, que, como lembrou a rexedora, “se impulsou sendo eu vicepresidenta da Deputación”.

Segundo Álvaro Santos, “temos que seguir apostando por mellorar os espazos públicos, onde a veciñanza de todas as idades se relaciona, porque ese é o modelo de cidade aberta, verde e sostible que defendemos”, aclarou.

As obras, que contarán cun prazo de execución de catro meses e medio, contemplan tres tipos de actuacións principais. Por un lado, levaranse a cabo tarefas de acondicionamento que inclúen:

  • A retirada e substitución do pavimento e céspede artificial existente, para a colocación dun novo pavimento de caucho amortiguante na totalidade da área de xogos
  • Traballos de posta a punto en xogos existentes incluíndo o lixado, saneamento e vernizado das pezas de madeira; lixado e esmaltado con tratamento antioxidante dos elementos metálicos, incluíndo repasos de  tornillería, ancoraxes, etcétera
  • A retirada e recolocación do valado de aceiro inoxidable, así como a retirada do bordo perimetral para consecución dunha única cota e reparación da superficie afectada
  • E, por último, a recolocación e reordenación dos xogos existentes, tendo en conta que se procederá a instalación de dous novos elementos lúdicos

Así, esta actuación tamén contempla a ampliación do parque coa:

  • Instalación dun novo xogo infantil de escalada ao aire libre (rocódromo) para  nenos de 5 a 8 anos, dunha altura total máxima de 3 metros e cunha área de seguridade máxima de 52 m2
  • E a instalación dun novo pórtico triplo, composto por un asento niño e dous asentos planos, dos cales un será inclusivo e o outro para bebés, e todo iso cunha área de seguridade que ocupa unha superficie  máxima de 19 m2

Por último, os traballos incluirán a cubrición do parque infantil, mediante a colocación dunha estrutura con pórticos de aceiro e a base de placas de policarbonato translúcidas. A altura libre baixo a nova cuberta será dun mínimo de 2,51 metros na fachada suroeste e dun máximo de 5,29 metros na fachada noroeste, quedando accesibles a totalidade das fachadas ao non proxectarse cerramentos.

A superficie final habilitada como área de xogos será de case 400 m2 (396.88 m2), dos cales 236 m2 coinciden coa área existente e 160 m2 coa ampliación. O parque contará cun perímetro en forma de “L” que resulta da agregación de dous rectángulos de dimensións 13.11 x 18.05 metros e 6.42 x 24.97 metros, coincidentes coas áreas existente e ampliación respectivamente.

Renovación e mellora de parques e zonas de xogo infantís

Esta nova actuación únese á xa anunciada a semana pasada, logo de que a Xunta de Goberno Local aprobase destinar 153.000 euros á creación dun novo parque urbano e multifuncional na rúa Alcalde Xosé Novo Freire. Neste senso, Lara Méndez incidiu na “aposta que estamos a realizar dende o Concello para renovar e mellorar as zonas de ocio e parques infantís da cidade, incluíndo a creación de novas áreas de esparexemento, para desfrute da veciñanza”.

Recentemente o Concello levou a cabo a renovación da área de xogos infantís do parque Rosalía de Castro, con 20.000 euros; a mellora da zona recreativa de Aquilino Iglesia Alvariño, con 51.000 euros; a posta en marcha dun novo parque infantil na Praza de Bretaña, con 75.000 euros; a substitución do parque da praza da Milagrosa, con 21.000 euros; ou a ampliación dos parques infantís de Campo Castelo e Albeiros, con 114.000 euros.

Con esta obra, o Goberno local levará investidos nos dous últimos anos máis de 600.000 euros en parques infantís.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a mellora e cubrición do Parque Infantil da Praza de Augas Férreas | Descargar mp3

Multimedia

  • Unha gran estrutura cubrirá o parque infantil de Augas Férreas, que se renova e amplía con máis xogos, aumentando un terzo a súa superficie

Noticias relacionadas