Unha cuberta de vidro e madeira a modo de bosque urbano gaña o concurso de ideas de Quiroga Ballesteros

Entre as 9 candidaturas presentadas, o xurado elixiu a do arquitecto lucense José Antonio Rodríguez Moscoso, cun deseño de peonalización e cuberta integrado e respectuoso co patrimonio arquitectónico que define a rúa

“Estamos moi satisfeitos pola participación e por ter escollido este procedemento para elixir o deseño, pois, aínda que o podiamos adxudicar de maneira directa, optamos por abrilo á participación e á creatividade”, asegurou a Alcaldesa

Venres, 01 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Unha cuberta de vidro e madeira a modo de bosque urbano gaña o concurso de ideas de Quiroga Ballesteros

O xurado reunido este venres no Vello Cárcere para valorar as 9 propostas presentadas ao concurso de ideas convocado polo Concello para o deseño da humanización de Quiroga Ballesteros elixiu como gañadora a candidatura plantexada polo arquitecto lucense José Antonio Rodríguez Moscoso. Consiste nunha pérgola a base de árbores artificiais a modo de bosque urbano, que soportan unha cuberta de vidro con acabado tamizado.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, subliñou a dobre satisfacción do Goberno, por un lado porque, “a pesar de que, como eramos conscientes, o prazo era curto, finalmente foron nove as persoas que concorreron” e, por outro, “polo plantexamento que fixemos dende o Goberno para elixir o deseño da humanización, pois, aínda que, ao ser un contrato menor de servizos, poderiamos facer unha adxudicación directa con só invitar a tres empresas, neste caso quixemos abrir a participación e a creatividade para que os expertos, os profesionais dixeran que consideraban máis factible neste espazo”.

Méndez explicou que foi “unha mañá densa, porque houbo moitas deliberacións e cuestións a puntuar, desde a estética, como harmonizaba co entorno e a accesibilidade ata o mantemento posterior”.

A humanización de Quiroga Ballesteros é peza central no modelo de cidade do Goberno, “unha cidade máis humana, accesible, cómoda, sostible, con máis espazos públicos para uso público, para gozar máis da rúa a través de actividades comerciais e de lecer”, destacou a Alcaldesa.

A cuberta

Segundo a memoria que o propio autor do deseño gañador adxuntou, as árbores proxectadas teñen un tronco tubular metálico de diferente diámetro e a copa asemella unha estrutura de madeira laminada de forma sensiblemente cadrada, aínda que de esquinas redondeadas e atravesada pola luz, pero que proporcionará unha sombra discontinua. Os ocos entre árbores cubriranse igualmente con vidro e as copas terán sendas tiras de luz indirecta que proporcionará unha iluminación suave e agradable a nivel de peón.

A cuberta formalízase a dous niveis, de maneira que cada un deles responde á necesidade de non interromper a linguaxe de fachada dos dous edificios anexos -Praza de Abastos e Mercado Municipal- e co fin de conseguir xunto coa planta baixa dos mesmos unha imaxe de conxunto. Así mesmo, ao estar a dous niveis, xérase unha ventilación lonxitudinal vertical que, aínda que non permite o paso da choiva, si facilita a renovación do aire, evitando situacións puntuais de efecto invernadoiro ou a acumulación de malos olores.

Premisas

Os condicionantes que marcaron o deseño da cuberta foron, como describe Rodríguez Moscoso, a necesidade de dar continuidade á conexión de ambos mercados a nivel de planta baixa, o respecto polos dous edificios que delimitan lateralmente o espazo, a diferencia de linguaxe de cada un dos dous inmobles, a diferencia de alturas entre eles, a presencia de elementos próximos catalogados de carácter relixioso, e a necesidade autoimposta de xerar un espazo multifuncional con múltiples posibilidades de uso que dinamice esta parte da cidade.

Peonalización

En canto á peonalización, a candidatura elixida contempla dúas zonas diferenciadas, a que quedará descuberta e a cuberta (entre a Praza e o Mercado). O plantexamento descrito polo autor é o seguinte:

  • Pavimento con pezas de granito de gran formato –pedras salgadas con acabado labrado-, ao mesmo nivel na súa totalidade co fin de eliminar toda barreira arquitectónica, e sobre el configurar unha serie de espazos de relación e descanso cun pavimento diferente –granito claro-. Estes espazos de relación albergarán o mobiliario urbano, como bancos antivandálicos de formigón con papeleiras integradas e de baixa altura para permitir o seu uso por parte de persoas con mobilidade reducida.
  • O tráfico rodado limitarase á carga e descarga e aos residentes, e discorrerá próximo á fachada norte da rúa, de maneira que non supoña unha interferencia no funcionamento eminentemente peonil da mesma. Estas zonas de carga e descarga concentraranse nas proximidades dos mercados e locais comerciais a través dunha intervención sutil e de convivencia respectuosa co resto de usos. Deste xeito, consistirán simplemente nun pavimento diferente a base de lousas de granito claro alba ranurado de gran formato.
  • A recollida de residuos concentrarase nun só punto coa colocación de contedores soterrados ao fondo da Praza de Santo Domingo.
  • A entrada de cada un dos edificios de vivendas trátase de maneira específica dada a calidade arquitectónica dos mesmos, colocando unha gran lousa de granito silvestre moreno con acabado apiconado que levará no lateral dereito unha tira de luz led no chan. Isto busca poñer en valor cada inmoble facéndoo patente no propio lenzo da rúa.
  • Contémplase un alumeado de chan co fin de conseguir un carácter cálido e acolledor a nivel de rúa que permita a iluminación suave e indirecta dos edificios facéndoos novamente protagonistas como cortina de fondo e fuxindo de solucións nas que a parte alta das fachadas adoita quedar oculta pola iluminación dos farois. Ademais, consegue eliminar do horizonte da rúa unha gran cantidade de elementos de superficie, co que se consegue un aspecto máis limpo.

Espazo dinámico e multifuncional

En toda a composición, o autor recalca o obxectivo de que a intervención sexa integrada e respectuosa ao máximo co patrimonio arquitectónico que define a rúa e que poña en valor as características propias desta zona da cidade. Así mesmo, o deseño busca a configuración global da rúa como un espazo dinámico no que se sitúen terrazas de hostalería para o goce da cidadanía, e se poidan celebrar actos, como representacións teatrais, mercadillos, exposicións ou degustacións, esto é, ampliar o horizonte de usos que se lle pode dar á rúa, máis alá dos estritamente comerciais.

O resto das propostas

As 8 propostas restantes que foron presentadas ao concurso de ideas son as seguintes: Jesús Quiroga López, María Melero Lorenzo, Proyestegal SL, Óscar López Alba, José Manuel Castro Vázquez, Consultora de Ingeniería y Medio Ambiente SL, José Ángel Carreira Montes e Jorge Manuel Salgado Cortizas.

Composición do xurado

O xurado estivo composto pola Alcaldesa; Guadalupe Cornide Petronio, arquitecta adscrita á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta; Gerardo Pallares Sánchez, enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos proposto polo Colexio Profesional de Enxeñeiros de Camiños de Galicia; Antonio Javier Núñez Núñez, aparellador proposto polo Colexio Oficial de Aparelladores e Arquitectos Técnicos de Lugo; Berta de la Torre Nieto, representante dos comerciantes da rúa Quiroga Ballesteros; Aquilino González Álvarez, representante das asociacións de Lugo que traballan pola accesibilidade; Manuel Regueiro Sánchez, enxeñeiro técnico agrícola municipal; Manuel Cortón Muinelo, arquitecto municipal; e Marta Carballal Neira, enxeñeira municipal. Participou con voz, pero sen voto o xefe do servizo de Contratación do Concello, Manuel Cao.

Os requisitos a valorar

Tal e como figura nas bases do concurso, publicadas dende o 14 de novembro no Perfil do Contratante do Concello, na web www.lugo.gal, os requisitos a valorar foron os seguintes:

  • A memoria, croquis e bocetos da proposta de deseño incluíndo todos os elementos relativos á pavimentación e humanización do espazo público e xustificación de cumprimento da normativa de aplicación, cunha puntuación máxima posible de 90 puntos
  • A oferta económica, cun máximo de 10 puntos.

Os prazos

Unha vez fallado o concurso, o seguinte paso é asinar o decreto de adxudicación do contrato de servizos para a redacción dos proxectos ao gañador do certame. Terá un prazo de 20 días naturais para elaborar o de peonalización e de tres meses no caso do correspondente á cuberta. O equipo redactor deberá ser multidisciplinar, pois do mesmo deberán formar parte necesariamente un enxeñeiro de camiños, un arquitecto, un enxeñeiro técnico agrícola  e un aparellador. As estimacións do Goberno apuntan a que as obras de peonalización poderían comezar antes do verán.

Audio

Multimedia

  • Unha cuberta de vidro e madeira a modo de bosque urbano gaña o concurso de ideas de Quiroga Ballesteros
  • Unha cuberta de vidro e madeira a modo de bosque urbano gaña o concurso de ideas de Quiroga Ballesteros
  • Unha cuberta de vidro e madeira a modo de bosque urbano gaña o concurso de ideas de Quiroga Ballesteros
  • Unha cuberta de vidro e madeira a modo de bosque urbano gaña o concurso de ideas de Quiroga Ballesteros
  • Unha cuberta de vidro e madeira a modo de bosque urbano gaña o concurso de ideas de Quiroga Ballesteros
  • Unha cuberta de vidro e madeira a modo de bosque urbano gaña o concurso de ideas de Quiroga Ballesteros

Noticias relacionadas