Unha cata histórica, un roteiro nocturno e un concerto de jazz para celebrar os 16 anos da Muralla como Patrimonio da Humanidade

Carmen Basadre presentou este mércores as actividadess conmemorativas que arrincarán mañá ás 20:00 horas

A edil fixo un chamamento á Xunta, responsable da conservación da Muralla, para que examine a estabilidade dos cubos nos que existen fendas. Así mesmo, solicitou integrar papeleiras e facer accesible a Porta de San Fernando

Mércores, 23 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este mércores no Salón de Plenos as actividades organizadas polo Concello para conmemorar o XVI Aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade, declaración que tivo lugar o 30 de novembro do ano 2000, supoñendo un punto de inflexión para o coñecemento e o turismo de Lugo, tal e como recoñeceu a edil.

Tal e como explicou Basadre, mañá xoves, 24 de novembro, terá lugar, no Salón de Plenos a cata histórica, A Muralla, algo máis que un símbolo. 1477 abranzando Lugo. Posteriormente, aproximadamente ás 21:00 horas, desenvolverase un roteiro nocturno por este Ben Mundial, con saída dende o ascensor da Muralla.

Esta será a primeira das 5 catas históricas, con percorrido guiado incluído, que ten preparadas a entidade local ata xuño, en substitución das catas literarias, co obxectivo de que “os e as lucenses coñezan mellor Lugo e o patrimonio histórico e cultural da cidade”. A programación inclúe charlas os días 29 de decembro, sobre o abastecemento de auga á cidade de Lugo, 23 de febreiro, que versará sobre a Catedral e o Templo de Mitra; 27 de abril, facendo fincapé nos accesos históricos á cidade de Lugo: as vías romanas, o Camiño Primitivo e o Camiño Real de Carlos III, e 29 de xuño, que tratará a evolución histórica da cidade. Todas elas terán lugar ás 20:00 horas, compatibilizando o sitio de realización, tanto Salón de Plenos como MIHL, “conxugando o pasado e o futuro, o antigo e moderno, representado por ambas instalacións”. Por outra banda, tamén engloba paseos os días 29 de xaneiro, pola Praza da Milagrosa, Monte das Pías, rúa Mazaira e Agro dos Castros, 25 de marzo, Praza de Santa María, Catedral e Templo de Mitra, e 27 de maio, polo Camiño Primtitivo para baixar polo Reguiro dos Hortos cara a Ponte Vella, Igrexa de San Lázaro, Antigo Hospital e visita ás antigas Termas, ás 11:00 horas. O 29 de xuño, a andaina será ás 20:30 horas polo centro da cidade, con visita á Domus, á Casa dos Mosaicos e San Roque. O Doutor en Historia Antiga e Arqueoloxía, Javier Gómez, quen tamén estivo presente na presentación, será o encargado de realizar ditas catas históricas. Con estes percorridos realizaranse posteriormente rutas para ofrecer aos turistas alternativas para coñecer Lugo, “de quen partiu a idea, porque están encantados con Lugo, e din que é unha cidade con espazos dignos de admirar e de estar”, segundo deu a coñecer Gómez, quen agradeceu ao Concello o impulso que está a facer do coñecemento.

Tamén, para conmemorar o aniversario da Muralla, terá lugar un concerto de Telmo Fernández, quen presentará o seu novo disco The Soul Jazz Beat Vol.2, no Círculo das Artes, o propio día 30 de novembro, ás 20:00 horas. Contará coa colaboración especial da vocalista, orixinaria de Italia e afincada en Barcelona, Desiree Diuf. A entrada é de balde.

Na rolda de prensa de presentación, a Concelleira fixo un chamamento á Xunta de Galicia, responsable da conservación e mantemento deste Ben Mundial, para que examine a estabilidade dos cubos da Muralla nas que existen fendas. Así mesmo, solicitou integrar papeleiras así como facer accesible a Porta de San Fernando.

Máis info

  • XVI Aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade | Descargar pdf

Noticias relacionadas