Unanimidade da Mesa de Negociación á nova RPT do Concello de Lugo

Martes, 03 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Unanimidade da Mesa de Negociación á nova RPT do Concello de Lugo

A Mesa de Negociación na que se atopan integrados os sete sindicatos con representación no Concello de Lugo vén de aprobar por UNANIMIDADE o proxecto de RPT presentado o pasado mércores pola concelleira de Gobernanza.

O acordo, histórico polo consenso e pola celeridade coa que se alcanzou, chega despois de dúas xornadas de debate nas que a edil Paula Alvarellos tratou de que todas as forzas sindicais tomasen consciencia da necesidade de regularizar a situación laboral das e dos traballadores do Concello, canto antes.

A responsable de Recursos Humanos sinala que “o obxectivo desta RPT non é outro que o de crear unha estrutura organizativa ordenada, xerarquizada, áxil e eficaz para o que se propuxo unha valoración individualizada de cada un dos postos que contempla, tendo en conta a necesidade legal de corrixir a deficiencia detectada recentemente nas retribucións do persoal do Concello xa que non existe unha política retributiva común para todos os postos, nin homoxeneidade naqueles que teñen igual responsabilidade, mesmo contido funcional e mesmas condicións laborais”.

Ademais, o goberno de Lara Méndez tivo en conta outras consideracións relacionadas coa aplicación da administración electrónica e a tecnificación dos postos, dúas circunstancias que precisan dun novo contexto laboral, ademais de establecer criterios comúns á hora de cobrar o mesmo onde hai igualdade de responsabilidades.

A proposta presentada non suporá ademais un incremento de carácter lineal a todos os traballadores, en canto aos complementos específicos, senón que se trata dunha corrección técnica, produto dunha valoración obxectiva do complemento de destino e específico mediante un sistema de valoración de puntos, na que se tiveron en conta factores como a dificultade técnica do traballo, a dedicación ou dispoñibilidade horaria, a responsabilidade, é dicir, ter que responder polos resultados e consecuencias do labor realizado, as incompatibilidades e a penosidade ou perigo.

Á súa vez, esta nova RPT tratará de aumentar a polivalencia dos empregados que poderán ocupar diferentes postos de traballo á vez que se incrementará a súa produtividade, sen que isto se traduza nun maior custo para a administración local.

Noticias relacionadas