Un xogo de mesa xigante permitirá aos participantes reflexionar sobre o papel das mulleres ao longo do tempo

Mércores, 15 de outubro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Mañá, xoves 16 de outubro
a partir das 12:00 horas, desenvolverase nas rúas próximas á Praza Maior de Lugo
unha experiencia lúdica e participativa de características inéditas. Trátase
dunha nova instalación de Luz Darriba, promovida pola Casa da Muller do Concello
de Lugo,que depende da Concellería de Muller e Benestar Social que dirixe Carmen
Basadre. Esta iniciativa consiste na exposición urbana dun macro xogo de
preguntas e respostas. Con este proxecto trátase de poñer ao descuberto os nosos
coñecementos sobre a vida, a historia e o presente das mulleres, que ao longo do
tempo foi silenciado ou ignorada.

Tal e como explicara a Concelleira na presentación do proxecto trátase “dun
proxecto de participación colectiva no que se propón unha reflexión sobre o
papel das mulleres na nosa cultura a través dos tempos”.

O funcionamento da actividade é similar ao Trivial de mesa, pero as fichas
serán as propias persoas que xoguen. Trátase de ir respondendo ás preguntas de
ciencias, política, artes, miscelánea, deportes e historia relacionadas coa
condición feminina e ir gañando os “queixiños” que permitirán recibir un pequeño
agasallo.

No xogo poderán participar ata 36 persoas á vez que farán de fichas saindo do
centro do taboleiro situado na praza Maior e desprazándose polos casilleiros
situados nas rúas do centro da cidade: rúa da Raíña, Doutor Castro, Conde
Pallares, Praza de Santa María, Bispo Aguirre…

Esta actividade busca demostrar que os actos e os acontecementos ao contorno
do xénero feminino non son triviais e merecen un mellor posicionamento na axenda
da política e da cultura.

Os que desexen participar poderán apuntarse na Oficina Municipal de
Xuventude, na Casa da Muller e no Servizo Municipal de Drogodependencias.

Noticias relacionadas